Santiago, 3 de xuño de 2021.- A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, salientou hoxe no Parlamento galego que a cobertura de transporte sanitario urxente dos municipios da comarca do Deza inclúe dous helicópteros e seis ambulancias, tanto medicalizadas como de soporte vital básico.
En concreto, Encarna Amigo explicou que os recursos pertencentes á Rede de transporte sanitario urxente de Galicia-061 que dan cobertura á zona do Deza son: os helicópteros con base en Santiago e Ourense; dúas ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado, dotadas con persoal facultativo e de enfermería, con base en Santiago; dúas ambulancias de soporte vital básico con base en Lalín e Silleda; así como as ambulancias de soporte vital básico con base en Arzúa e Melide que atenden as parroquias dezáns máis próximas a estes concellos.
“Que unha ambulancia teña a súa base nun concello determinado non significa que só cubra esa poboación”, dixo a portavoz popular, quen engadiu que a comarca do Deza está situada nas isócronas dos dous helicópteros sanitarios dispoñibles en Galicia, cun tempo de asistencia de entre 11 e 12 minutos”.
MÁXIMA CALIDADE SANITARIA
Ademais, lembrou que “a Fundación Pública de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 realiza unha avaliación continuada das demandas, necesidades e actividade nas diferentes comarcas e concellos galegos, e con toda esa información valórase a necesidade de ampliar, redistribuír e mellorar a rede de transporte sanitario urxente”.
Deste xeito, Amigo sinalou que o obxectivo é “garantir a accesibilidade, a equidade, a eficiencia e a sostibilidade dunha asistencia sanitaria urxente de máxima calidade ao conxunto da poboación galega”.