21 de marzo de 2023. A portavoz de Educación do Grupo Popular, Marisol Díaz Mouteira, salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “Galicia vai contar con dúas estratexias para a igualdade nos centros educativos: a vixente Estratexia galega de Convivencia 2025 e a futura Estratexia galega de inclusión educativa Eduinclusión”.
Ademais, subliñou que Galicia é a comunidade española co alumnado cun maior coñecemento e conciencia de contidos vinculados á igualdade de xénero, segundo se recolle no Informe PISA sobre educación que elabora periodicamente a OCDE.
Díaz Mouteira explicou que a Estratexia galega de convivencia 2025, dotada con 5,5 millóns de euros, incorpora un Plan de Coeducación, que abranguerá a análise de datos estatísticos con perspectiva de xénero para identificar como afectan as situacións de violencia en función do sexo.
Ademais, a futura Estratexia galega de inclusión educativa Eduinclusión permitirá reforzar a oferta formativa do profesorado no eido da coeducación e a igualdade de xénero, así como a orientación vocacional desde idades temperás para favorecer a igualdade de oportunidades entre sexos.
DOTACIÓN ECONÓMICA
A portavoz popular cuestionou aos grupos da oposición “cal é a dotación económica que entenden como suficiente” para levar adiante estas actuacións, porque “as políticas de igualdade en centros educativos son transversais e xa están sostidas con recursos procedentes dos orzamentos da Consellería, a través das transferencias de diñeiro aos centros que participan en convocatorias concretas e dos recursos destinados á formación e aos programas educativos no seu conxunto”.
“A Xunta mantén un compromiso firme e decidido co modelo educativo que ten demostrado moi bos resultados, e vai seguir traballando a prol da igualdade entre mulleres e homes e na loita contra a violencia de xénero”, afirmou Marisol Díaz Mouteira.
Neste sentido, apuntou que este traballo “debe desenvolverse coa necesaria implicación do conxunto da sociedade, porque a comunidade educativa ten que ir necesariamente da man das familias, da presenza da igualdade nas casas das nenas e nenos e da man do seu entorno de amizades e dos medios de comunicación”.