2 de marzo de 2023. A deputada do Grupo Popular Sandra Vázquez afirmou hoxe no Parlamento galego que “só sete concellos galegos carecen neste momento en Galicia de oficina bancaria ou de calquera outra forma física de acceso a servizos financeiros, exactamente os mesmos concellos que no seu momento declinaron adherirse á iniciativa promovida pola Xunta para mellorar a accesibilidade financeira”.
Sandra Vázquez explicou que actualmente 54 concellos galegos carecen de oficina bancaria, afectando ao 2,5 por cento da poboación de Galicia. A nivel nacional, a porcentaxe de municipios sen sucursal bancaria ascende ao 56,4 por cento, que representan o 3,9 por cento da poboación.
“A Xunta foi unha das primeiras administracións en abordar o problema da inclusión financeira no ámbito rural e buscar solucións coa sinatura en 2020 dun protocolo de colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias para facilitar o acceso a servizos bancarios”, lembrou a deputada popular.
47 NOVOS CONCELLOS CON SERVIZOS FINANCEIROS
Un total de 34 concellos que carecen de sucursal bancaria adheríronse a este protocolo e, deste xeito, contan na actualidade con alomenos un caixeiro automático no seu termo municipal e asistencia financeira e formación financeira. Outros 13 concellos tamén contan con algún servizo financeiro, como poden ser axentes financeiros, a banca móbil ou caixeiros automáticos.
“Polo tanto, neste momento só quedan sete concellos sen oficina bancaria ou servizos financeiros, para os que a Xunta abriu o pasado mes de xaneiro un novo prazo para adherirse ao protocolo e poder ofertar aos seus veciños estes servizos”, manifestou Sandra Vázquez.