Santiago, 10 de xullo de 2018.- A deputada do Grupo Popular Encarna Amigo salientou hoxe que “o actual marco lexislativo permite desenvolver e aplicar as axeitadas medidas de inspección e control sobre todas aquelas mensaxes de publicidade sanitaria que quebranten os principios de transparencia, exactitude e veracidade impostos pola normativa xeral e sectorial de aplicación”.
Encarna Amigo explicou que a proposición de lei defendida hoxe no Pleno por En Marea “non menciona todas as normas legais de carácter xeral de aplicación en materia de publicidade de produtos, centros e actividades sanitarias e socio-sanitarias, senón que tampouco fai mención ás normas sectoriais”.
NINGUNHA MELLORA DE EN MAREA
“Lonxe de reforzar o marco xurídico en materia de publicidade sanitaria, a proposición de lei de En Marea incorre en imprecisións e falla de concreción, polo que do seu contido literal non se desprende ningunha mellora respecto ao marco lexislativo actual”, sinalou a deputada popular. Ademais, sinalou que “o reforzamento do control da publicidade que se pretende, a través do establecemento dun procedemento de autorización administrativa previa, a creación da Comisión de Control da Publicidade ou a creación dun rexistro de dita publicidade, non son figuras novas no ordenamento xurídico galego, xa que estiveron en vigor con anterioridade á aprobación en 1998 do decreto que regula a publicidade sanitaria en Galicia”.
Encarna Amigo recoñeceu que “o mercado de produtos e servizos sanitarios trata de seguir crecendo coa utilización de distintas técnicas comerciais e a publicidade adquire un papel fundamental como difusor de información co fin de favorecer a captación de novos consumidores-pacientes”. “Esta situación fai que en moitas ocasións a publicidade non só non cumpra cos mínimos requisitos legais, senón tampouco cos esixibles e desexables para un ámbito tan delicado como é a saúde das persoas”, lamentou.
Diante desta situación, a deputada popular lembrou que o Pleno do Parlamento xa aprobou o pasado 17 de maio unha proposición non de lei do Grupo Popular, coa abstención dos grupos da oposición, a través da que se demandaba ao Goberno central que mellorara e clarificara a regulación de publicidade sanitaria no relativo a centros, establecementos, bens e servizos para evitar anuncios enganosos, limitando especialmente todo aquilo que puidera constituír un risco para a saúde e, por suposto, contando con os colexios profesionais.