A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, salientou hoxe que a Xunta incrementou o Fondo de Cooperación Local un 47 por cento desde o ano 2021, unha partida que se achegará este ano aos 700 millóns de euros. Así mesmo, lembrou o compromiso do Goberno galego de iniciar a tramitación parlamentaria da nova Lei de administración local ao longo do vindeiro ano 2026.
Paula Prado indicou que os concellos galegos “contarán nesta lexislatura cunha nova normativa local pioneira, adaptada ao século XXI e pensada para clarificar as súas competencias, actualizar o sistema de financiamento e atender a problemática da dispersión, o despoboamento e o envellecemento na prestación dos servizos”.
Porén, lamentou que “de pouco servirá esa actualización da normativa autonómica se non se acompaña tamén dunha reforma da normativa estatal” e criticou que o actual presidente da Fegamp “non lle interesa reclamar ao Goberno de España que traia ao século XXI a caduca Lei de bases de réxime local de 1985”.
CONTRIBUCIÓN PARA O SAF
A viceportavoz popular recoñeceu que “os concellos teñen un problema co servizo de axuda no fogar, pero non hai maior demagoxia que os que agora veñen pedir á Xunta que financie o 100 por cento deste servizo sexan os mesmos que no seu día llo endosaron aos concellos na Lei de servizos sociais de Galicia de 2008”.
“E miren que mala é a Xunta que, aínda sen ser a súa competencia, contribúe de xeito máis que significativo ao financiamento do servizo de axuda no fogar: a día de hoxe, achega 12 euros por hora e está disposta a chegar aos 16 euros”, indicou Paula Prado, quen lamentou que “por meros intereses partidistas estean bloqueando a negociación, porque prefiren seguir avivando o conflito e facer ruído a costa das persoas dependentes”.
Ademais, lamentou que “temos que escoitar á oposición que o que eles defenden é un modelo público fronte aos recortes do PP, o mesmo BNG que ten privatizado o servizo de axuda no fogar no 66 por cento dos concellos onde goberna ou o PSdeG que case o 70 por cento dos seus concellos teñen tamén a xestión do SAF completamente privatizada”.