26 de xaneiro de 2023. Diante das afirmacións realizadas esta mañá na Comisión 5ª pola deputada do BNG Montse Prado, na que manifestou que, “na vez de goberno, os galegos e galegas teñen unha panda de psicópatas, que non lles importa nada o sufrimento da xente”, e logo de que rexeitara enerxicamente no momento a solicitude da Presidenta da Comisión de que retirara esta expresión, o Grupo Parlamentario Popular solicita a inmediata rectificación desta afirmación por parte da deputada nacionalista, xa que está a desprezar o importante traballo que están a realizar tanto os responsables da Sanidade da Xunta, como todos os profesionais que traballan na sanidade en Galicia.
Estas declaracións poñen de manifesto, unha vez máis, que o único importante para o BNG é o desprestixio da sanidade pública galega, poñendo en cuestión o inxente traballo dos seus dirixentes e traballadores.
SOLUCIÓNS, NON DECLARACIÓNS INCENDIARIAS NIN MANIFESTACIÓNS
Para o Grupo Popular, a solución aos problemas que vive a sanidade pública, non só de Galicia, senón de España enteira e de boa parte de Europa, non se resolven con declaracións incendiarias e despectivas, nin con manifestacións ou protestas, senón poñendo en marcha medidas e actuacións que permitan atender as necesidades sanitarias de todos os galegos, poñendo especial énfase en solventar a falta de profesionais.
Lamentablemente, o BNG ten demostrado coas súas votacións e accións, tanto no Parlamento galego como fóra del, que non está por buscar solucións senón en opoñerse a todo aquilo que supoña un avance e unha resposta aos problemas actuais da sanidade pública, só co único obxectivo de prexudicar a acción do Goberno galego nunha materia tan sensible para a sociedade como é a sanidade.