A portavoz de Deporte do Grupo Popular, Lupe Murillo, demandou hoxe no Pleno do Parlamento galego que o Goberno central proceda “de forma urxente ao desenvolvemento regulamentario da nova Lei do deporte” de xeito que se avance, en colaboración coas federacións deportivas, “nunha fórmula que permita dotar de axilidade á declaración de nulidade das cláusulas anti-embarazo”.
Lupe Murillo comezou a súa intervención condenando “a conduta impresentable desde posicións de relevancia pública de persoeiros, como o que ata hai unhas horas foi presidente da Federación Española de Fútbol, o señor Rubiales, socialista de pro e protexido do Presidente en funcións, Pedro Sánchez, que distan moito de ser exemplares e non teñen cabida no noso tempo”.
DIFUSIÓN DE VALORES A TRAVÉS DO DEPORTE
“O deporte é un ámbito importante para a difusión de valores que pretendemos cheguen á cidadanía con facilidade, porque o deporte ten sido, e continúa a ser, correa de transmisión de información e valores, especialmente en idades moi novas”, indicou.
A portavoz popular manifestou que a nova Lei estatal do deporte “era necesaria, xa que a realidade do deporte pouco tiña a ver cunha norma aprobada hai 30 anos”, pero matizou que a proposta dos socialistas galegos de adaptar a norma galega á esa norma estatal “non é necesaria ao ter Galicia competencias exclusivas en deporte, máis alá do que se poida derivar das obrigas derivadas de ámbitos nos que o Estado ten competencia exclusiva e que esixirían a súa translación”.
Murillo asegurou que “en Galicia impulsamos e promovemos a igualdade de xénero no deporte, e somos referentes desde hai anos, sen necesidade de agardar a esta lei, que chega 30 anos despois e que non podería máis que entender a igualdade como eixe fundamental de todas as políticas deportivas que se desenvolvan no país”.
CLÁUSULAS ANTI-EMBARAZO
Respecto das accións perante clubs, federacións e autoridade laboral para prohibir e declarar nulas as cláusulas anti-embarazo, Lupe Murillo lembrou o acordo acado por unanimidade no Parlamento galego en 2019 a través do que se requiría á Xunta para que actuase de forma activa ante as federacións deportivas galegas e lles trasladase, como entes organizadores do deporte, as súas obrigas de protección das deportistas galegas ante situacións de embarazo.
Así mesmo, naquela proposta pedíase ao Goberno de España que promovese as modificacións oportunas na lexislación estatal para recoller solucións ás demandas relacionadas coa maternidade das deportistas federadas, en especial en relación ás cláusulas anti-embarazo. “En base a este requirimento, o Goberno central introduciu expresamente na nova Lei do Deporte a nulidade das cláusulas anti-embarazo”, indicou a portavoz popular, quen lamentou que os socialistas galegos “pidan hoxe que a Xunta desenvolva de inmediato actuacións perante diferentes organismos para que prohiba algo que xa está prohibido”.