Santiago, 21 de marzo de 2017.- A portavoz de Igualdade do Grupo Popular, Marián García Míguez, asegurou hoxe no Parlamento que desde o PP “non imos converter os debates de igualdade en recriminacións partidistas nin en loitas de posturas de máximos” e criticou que a desvergoña do Grupo Socialista privou dun acordo unánime no Parlamento para solicitar a posta en marcha no primeiro semestre deste ano dun Plan de igualdade no emprego; a realización dun estudo sobre a fenda salarial, intensificando o labor da Inspección de Traballo; ou a regulación a nivel estatal da figura do mobing maternal. Todas estas iniciativas serán recollidas polo Grupo Popular nunha proposición non de lei que rexistrará para a súa aprobación polo Parlamento.
Marián García reiterou que “seguimos a crer que a política de igualdade é demasiado importante para facer dela un arma de loita partidista”, polo que avogou por “xestionar todas as accións neste eido desde o consenso, como se demostrou nun Pleno anterior pactando cuestións sobre igualdade con outros grupos parlamentarios”.
Deste xeito, o Grupo Popular, logo de que a deputada socialista acusara ao PPdeG de actitudes machistas, se negara a pedir desculpas e rexeitara a súa emenda, decidiu rexistrar unha proposición non de lei na que se recollan todos os puntos que se ían acordar cos socialistas para que sexan aprobados polo Pleno do Parlamento.
En concreto, o Grupo Popular defende a posta en marcha, durante o primeiro semestre do ano 2017, dun plan de igualdade no emprego en Galicia, co propósito de promover a inserción laboral efectiva das mulleres galegas. Ademais, apoiarase a implantación de plans de igualdade nas pequenas e medianas empresas galegas, así como a posta en marcha de novas actuacións dirixidas ao fomento do empresariado feminino.
LABOR DE INSPECCIÓN
Outras medidas incluídas nestas proposición non de lei son a introdución de criterios de igualdade nas contratacións de servizos por parte da Administración galega. Tamén se solicita a intensificación da labor da Inspección de Traballo e Seguridade Social contra a fenda salarial e pola igualdade efectiva no traballo, ao tempo que se realice un estudo sobre a fenda salarial en Galicia, que será remitido ao Parlamento de Galicia para que sexa estudado na Comisión non permanente para a Igualdade e para os Dereitos das Mulleres aos efectos de debatelo e propoñer as medidas oportunas.
Por último, demandarase ao Goberno central, do mesmo xeito que se aprobou no Pleno do Parlamento galego o pasado 27 de decembro de 2016, unha lei de igualdade retributiva entre homes e mulleres, solicitando ademais que esa futura lei inclúa a regulación da figura do mobbing maternal, protexendo a maternidade desde un punto de vista laboral.