Santiago, 11 de xullo de 2017.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, subliñou hoxe que “este verán estarán operativas o 88,9 por cento das camas hospitalarias, estando as restantes en disposición de ser atendidas con persoal se fose preciso”. “É un punto porcentual máis que o pasado ano, cando a ocupación durante os meses de verán só chegou ao 75 por cento”, concretou.
Aurelio Núñez sinalou que “o SERGAS garante a asistencia sanitaria durante todo o ano, planificando e adecuando os recursos ás necesidades, pero tamén ás posibilidades de substitución de persoal e cumprindo sempre coa maior eficiencia”.
MENOR NECESIDADE DE CAMAS
“As camas hospitalarias seguen exactamente no mesmo sitio e o que ocorre no verán é que se deshabilitan pola menor necesidade que hai delas, tanto pola diminución de patoloxías crónicas como pola baixada de actividade cirúrxica programada por mor das vacacións dos profesionais, que non hai posibilidade de substituír en moitas especialidades”, apuntou.
Ademais, Núñez Centeno amosou a súa satisfacción porque os socialistas galegos “admitiron que están dentro dunha defensa razoable da planificación de recursos dos sistemas sanitarios, como fan todos os sistemas nas épocas de verán pois os profesionais teñen dereito ás súas vacacións e as solicitan maioritariamente neste período”.