Santiago, 11 de marzo de 2017.- O portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, José González Vázquez, xunto co tamén deputado popular Carlos Gomez Salgado, visitaron onte o Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei, onde mantiveron una entrevista co presidente e a secretaria da entidade, José Antonio Da Silva Pereira e Natalia González Rodríguez, respectivamente.
Os deputados populares recoñeceron durante a entrevista o importante traballo levado a cabo na denominación, que se traduciu nun incremento das ventas de máis dun 20 por cento no ano 2016, ata os 2.800.000 litros. Nos últimos dez anos esta denominación quintuplicou o volume de litros comercializados.
APOSTA POLAS VARIEDADES AUTÓCTONAS
Dentro das inquietudes da entidade, o seu presidente trasladoulle aos parlamentarios populares a necesidade de incrementar a superficie de viñedo, dado o forte crecemento que están a experimentar as ventas de denominación.
Tamén se fixo especial fincapé na importancia que neste crecemento das ventas tivo a aposta decidida polas variedades autóctonas, principalmente godello e mencía.
PERCORRIDO POLAS DENOMINACIÓNS DE ORIXE E IXP
A visita enmárcase na rolda de contactos que o portavoz do Medio Rural está a realizar por todas as denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas co fin de coñecer as súas demandas, así como amosarlles o apoio do Grupo Popular polo importante papel que xogan na comercialización e promoción dos produtos galegos de calidade.
O Grupo Popular continúa nesta lexislatura coa súa aposta decidida por un sector agroalimentario galego de calidade como base para o desenvolvemento do rural. Nesta liña, considérase esencial o apoio ás variedades e razas autóctonas da agricultura e gandería galegas, así como ás organizacións que garanten a calidade dos produtos galegos.