Santiago, 7 de xuño de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, por iniciativa do Grupo Popular, unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta de Galicia á elaboración e aprobación dun calendario vacinal para o adulto nos próximos tres meses, “que contribúa ao coñecemento das indicacións e beneficios tanto para os profesionais como para a cidadanía”.
Así mesmo, e logo dunha transacción co Grupo Socialista e o BNG, a proposición non de lei solicita que o Goberno galego publique na web da Consellería de Sanidade o documento definitivo ou facilite unha copia por escrito aos distintos grupos parlamentarios representados no Parlamento de Galicia para facilitar o seu coñecemento e seguimento, así como a realizar todas as actuacións precisas para garantir o acceso permanente ás vacinas incluídas neste calendario.
MELLORAR A INFORMACIÓN
A deputada popular Marta Rodríguez-Vispo sinalou que “así como se coñecen ben as vacinas financiadas para os nenos e nenas, non ocorre o mesmo cos adultos”. Deste xeito, considerou de “gran interese poñer en marcha iniciativas que melloren a información sobre as vacinas dispoñibles e as súas vantaxes, principalmente entre as persoas que poidan resultar beneficiadas”.
“A sociedade aínda non é moi consciente dos beneficios que as vacinas poden proporcionar aos adultos, en determinados grupos de risco ou en determinados grupos de idade”, dixo a deputada popular. Neste sentido, explicou que nestes momentos o sistema público financia moitas vacinas no adulto, ben na poboación xeral, como a vacinación contra o tétanos e a difteria, ou en grupos determinados, como é o caso da vacinación ofertada á embarazada para evitar casos de tosferina en nenos recén nacidos, ou a da varicela, a triple vírica, a da hepatite B ou a antineumocócica, entre outras indicadas en determinadas situacións ou ao alcanzar certa idade.
Rodríguez-Vispo asegurou que desde o PPdeG “queremos unha sanidade pública máis eficiente e mellor preparada para o futuro” e indicou que neste camiño “está clara a aposta do actual Goberno galego pola prevención”.