Santiago, 25 de abril de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta ao Goberno galego a darlle un pulo definitivo ao Plan Estratéxico da Conserva Horizonte 2020. Tal e como salientou a deputada do Grupo Popular, Teresa Egerique, trátase dunha iniciativa que “fala de futuro, de garantía e solvencia dun dos sectores estratéxicos de Galicia”.
O emprego é un dos puntos máis importantes deste plan, xa que o sector da conserva, no ano 2017, deu emprego en todo o país a 15.500 persoas, das que o 80 por cento son galegas.
OBXECTIVOS DO PLAN
Entre os obxectivos a destacar do Plan Estratéxico da Conserva, Teresa Egerique incidiu nas medidas para facilitar as condicións de acceso ás materias primas; consolidar as estruturas empresariais existentes; reforzar a internacionalización e a actividade exportadora; consolidar a reputación do produto, das marcas e da produción nos mercados locais e internacionais; reforzar a competitividade mediante unha maior implantación no sector das actividades de I+D+I; e garantir o crecemento, a estabilidade e a calidade do emprego.
A deputada popular considerou que esta iniciativa “está xustificada, xa que Galicia é hoxe a principal comunidade en produción de conservas de pescados e mariscos, co 86 por cento do volume total producido”. “É máis, a nosa comunidade é a primeira rexión europea e a segunda no mundo na produción de conservas de peixe e marisco”, apuntou.
Teresa Egerique sinalou, ademais, que Galicia volveu bater o seu propio récord en exportacións conserveiras no 2017: “Por terceiro ano consecutivo, foi a segunda comunidade autónoma con maior superávit, tal e como recolle o Informe de Comercio Exterior de Galicia de 2017”
.
O PLAN DO CONXELADO
A través da iniciativa, tamén se insta á Xunta de Galicia a que elabore, en colaboración co sector, o Plan Estratéxico do Conxelado, co horizonte posto no 2025, para seguir mantendo o liderado neste sector.