Santiago, 9 de maio de 2017.- O Parlamento galego aprobou hoxe a Conta Xeral da Comunidade Autónoma do exercicio de 2014 e as propostas de resolución aos informes de fiscalización emitidos polo Consello de Contas, entre as que figuran a incorporación de interventores nas áreas sanitarias de Galicia; a mellora dos sistemas de xestión, seguimento e control das actuacións financiadas con fondos europeos; ou que se prime aos concellos cumpridores no plan de pagos a provedores.
A portavoz do Grupo Popular para asuntos relacionados co Consello de Contas, Cristina Romero, salientou “a importancia dos informes elaborados polo Consello de Contas, tanto para a Xunta, porque incorpora moitas das recomendacións recollidas nestes informes para continuar mellorando ano a ano a xestión dos fondos públicos; como para os grupos parlamentarios, xa que nos permite facer propostas tamén de mellora cara ao futuro”.
CONTROL FINANCEIRO DO SERGAS
Entre as propostas de resolución aprobadas, Romero referiuse ás dirixidas ao Sergas para reforzar o control financeiro continuo, incorporando interventores nas áreas sanitarias; introducir a contabilidade de custos; que os indicadores dos obxectivos dos programas de gasto sanitario estean ligados ao Plan Estratéxico para medir mellor o seu cumprimento; ou diferenciar nos orzamentos a partida de farmacia hospitalaria e a do gasto farmacéutico dispensado nas oficinas de farmacia.
“Tamén presentamos propostas sobre outros informes que os outros grupos non tiveron en conta, como a dirixida a reducir a temporalidade dos recursos humanos na Axencia Galega de Sangue e Tecidos; que se melloren os sistemas de xestión, seguimento e control das actuacións financiadas cos fondos europeos; que se estude a posibilidade de primar aos concellos cumpridores no Plan de Pagos a Provedores; ou poñer todos os medios e a eficiencia da Axencia Tributaria de Galicia a disposicións das deputacións provinciais”, apuntou.