Santiago, 10 de novembro de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, a instancias do Grupo Popular, unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a que inicie o proceso de elaboración dos Plans de Ordenación dos Recursos Forestais (PORF) cun ámbito territorial de distritos, unha vez se remate o proceso de revisión do plan forestal.
O portavoz do Medio Rural, José González Vázquez, afirmou que “estamos ante unha oportunidade importantísima pola actualización do Plan Forestal de Galicia, un documento que vai orientar o futuro do noso monte”. Neste sentido, lembrou o compromiso anunciado polo Presidente da Xunta de poñer en marcha unha comisión parlamentaria para avaliar todas as medidas e fixar as directrices da política forestal en Galicia.
COMPLETAR A PLANIFICACIÓN
“Unha vez rematada a revisión do Plan Forestal de Galicia, é necesario que a Xunta leve a cabo a redacción dos plans de ordenación forestal dos 19 distritos da Comunidade galega para completar a planificación do noso monte”, sinalou González Vázquez.
A redacción destes plans de ordenación forestal dos distritos “será o medio para conseguir o obxectivo final de que o noso monte cumpra con todas as súas finalidades e se converta nun monte multifuncional e sustentable, compatibilizando os distintos usos e servizos e contribuíndo a un medio rural vivo”.
IMPORTANCIA DO MONTE
José González salientou “a importancia do monte para a Comunidade galega tanto a nivel económico, como pola fixación de poboación no rural, a función medioambiental e na determinación da identidade e a paisaxe galegas”.
Máis en concreto e desde o punto de vista económico, o portavoz popular manifestou, tomando os datos facilitados polo propio sector, que máis de 80.000 propietarios forestais cortaron madeira en Galicia en 2015 superando os 300 millóns de ingresos; que a metade das cortas de madeira realizadas en España tiveron lugar en Galicia; ou que o sector da madeira representa o 3,5 por cento do PIB galego, facturando máis de 1.500 millóns de euros. En definitiva, “estamos a falar de 3.000 empresas galegas que xeran máis de 70.000 postos de traballo”, indicou.