Santiago, 18 de maio de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de lei, impulsada polo Grupo Popular, a través da que se insta á Xunta a realizar os trámites para a declaración e a inclusión do Colexio de Nosa Señora da Antigua de Monforte na relación de bens de interese cultural.
“Estamos ante un monumento e unhas obras de extraordinario valor arquitectónico e artístico, pero especialmente destacables tamén, polo seu valor histórico”, salientou a deputada Julia Rodríguez, quen considerou “evidente que tanto o inmoble como as obras de arte que alberga precisan da maior protección e tutela”.
Julia Rodríguez explicou que o Colexio de Nosa Señora da Antigua “alberga o que queda do importantísimo legado dun dos homes mais destacados do Renacemento, como é o cardeal Rodrigo de Castro, pero que foi pouco a pouco mermado por distintas circunstancias”.
Entre outros elementos destacables figuran o retablo da Capela Maior da igrexa, obra do escultor Francisco Moure; o Cristo de Valerio Cioli; ou a estatua orante do Cardeal Rodrigo de Castro, de Juan de Bolonia. Ademais, pódense apreciar importantes obras da pinacoteca como as tablas orixinais de Andrea del Sarto; as obras San Francisco e San Lorenzo, de El Greco; ou “Libro das aves de caza” de Pedro López de Ayala.
VALOR ARQUITECTÓNICO
“Pero si a historia e as obras de arte que alberga este espazo son extraordinarias dende o punto de vista arquitectónico, o Colexio de Nosa Señora da Antigua é unha das obras arquitectónicas mais fermosas e harmónicas de Galicia”, subliñou a deputada popular.
Neste sentido, sinalou que “se trata dun monumento de extraordinario valor arquitectónico, con elementos destacables como a escaleira principal, coñecida como “escaleira real”, sen outro apoio aparente que o do adosamento aos muros, e que sen columna algunha soporta a carga dunha voluminosa balaustrada e grandes chanzos de pedra”.