O Parlamento de Galicia vén de aprobar unha iniciativa do Grupo Parlamentario Popular relativa a impulsar e reforzar a formación a través do campus virtual do comercio galego, co obxectivo de axudar ao pequeno comercio a adaptarse ás tendencias actuais de consumo.
Tal e como remarcou a deputada do Grupo Parlamentario Popular, Felisa Rodríguez, o comercio local galego atópase inmerso nun proceso de transformación profunda motivado pola dixitalización, o auxe do comercio electrónico e unha clientela cada vez máis conectada. Neste escenario, defendeu que a formación continua é a chave para que os establecementos tradicionais melloren a súa presenza dixital, adapten os seus modelos de negocio e reforcen a súa capacidade de innovación para incrementar a súa competitividade. Así, considerou que a dixitalización ten que ir acompañada da formación, porque “dixitalizar debe significar máis oportunidades, non dificultades”.
Segundo apuntou Felisa Rodríguez, o campus virtual do comercio galego preséntase como unha ferramenta estratéxica para chegar a un maior número de persoas, con independencia da súa localización xeográfica. Así mesmo, incidiu en que esta plataforma non só contribúe a impulsar a profesionalización do comercio local, senón que tamén fortalece o seu papel como motor económico e social do territorio.
A deputada popular fixo fincapé en que a capacitación en materias como o márketing dixital, a xestión empresarial, a atención ao cliente ou a integración de novas tecnoloxías resulta esencial para dar resposta ás demandas do mercado. Por este motivo, sinalou a importancia de que calquera profesional do sector poida acceder a estes recursos coa máxima flexibilidade.
Felisa Rodríguez subliñou que apoiar activamente esta plataforma supón avanzar no apoio efectivo a un sector estratéxico. Así, a iniciativa aprobada sen votos en contra busca dotar ao pequeno comercio de ferramentas para afrontar con éxito os retos da nova realidade e consolidar un modelo comercial moderno, competitivo e sostible.
Para rematar, puxo en valor o Plan Estratéxico de Comercio 2025-2030 do Goberno galego, o cal mobiliza máis de 320 M€ en 74 accións de apoio á dixitalización e modernización, ás prazas de abastos, aos centros comerciais abertos e, tamén, á remuda xeracional.