Santiago, 23 de febreiro de 2021.- O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou esta mañá, cos votos a favor do Grupo Popular e coa oposición de nacionalistas e socialistas, a Lei de Simplificación Administrativa e Reactivación Económica de Galicia.
O viceportavoz do Grupo Parlamentario Popular, Miguel Tellado, defendeu que esta lei é “máis necesaria que nunca” nun contexto como o actual cunha “dobre pandemia, sanitaria e económica”. “Pedímoslle un gran esforzo a todos os cidadáns, pero tamén ás administracións públicas deben comprometerse”.
O deputado popular enumerou os beneficios da nova normativa que pretende axilizar a tramitación administrativa eliminando duplicidades, reducindo custes, simplificando a burocracia e impulsando a iniciativa empresarial. “Todo coa finalidade de facilitar o traballo de empresas e profesionais” asegurou o viceportavoz do Grupo Popular.
A Lei de Simplificación Administrativa inclúe deducións e beneficios fiscais, reforza as oficinas Doing Bussines e crea instrumentos específicos de financiamento “especialmente para aquelas empresas afincadas no rural” asegurou Tellado.
Por último, o viceportavoz popular aclarou que esta lei tamén pon o seu foco na preparación para a chegada a Galicia dos Fondos Europeos, “para anticiparnos e estar preparados”. A lei creará un Comité Técnico, reforzará a Comisión Next-Generation e definirá o concepto de proxecto tractor “unha das grandes oportunidades para construír o futuro de Galicia”.
A oposición “en contra de todo”
Tellado lamentou a posición dos grupos da oposición que están “en contra de todo”. Recriminando tamén a súa oposición á reforma da Lei de Saúde Publica que hoxe mesmo se debatía no Pleno do Parlamento Galego.
O viceportavoz dos populares recordou que durante a pasada lexislatura os grupos da oposición se opuxeron aos 13 proxectos lexislativos que trouxeron ao Hórreo, e tamén votaron en contra dos 7 proxectos que os populares presentaron nesta lexislatura. “Señorías, nin fan, nin deixan facer. Senón colaboran agora, ¿cando pensan facelo?” rematou Miguel Tellado.