O Parlamento de Galicia aprobou unha iniciativa do Grupo Parlamentario Popular para reclamar ao Goberno de España un financiamento suficiente, estable e sostido da atención á dependencia, así como que calquera ampliación de dereitos ou prestacións veña acompañada dos recursos económicos necesarios para as comunidades autónomas.
A deputada popular Dolores Hermelo, encargada de defender a iniciativa, subliñou que “non abonda con anunciar novos dereitos se as comunidades autónomas, que son as que prestan os servizos, non reciben os recursos necesarios para facelos efectivos”.
Hermelo reclamou ao Goberno central que garanta o financiamento da dependencia non só para 2026, senón tamén para os próximos anos; que territorialice os fondos e concrete o impacto que lle corresponde a Galicia; e que cada novo dereito, servizo ou prestación leve aparellado o financiamento necesario.
“O Estado decide e lexisla, pero son as comunidades as que teñen que poñer os centros, os profesionais e os recursos. Non se pode pedir cada vez máis a Galicia sen garantir os cartos necesarios para facelo posible”, afirmou Hermelo.
GALICIA XA ESTÁ FACENDO A SÚA PARTE
A deputada popular puxo en valor o esforzo da Xunta de Galicia, que este ano destina 844 millóns de euros á dependencia e acaba de anunciar 25 novos centros residenciais con máis de 1.800 novas prazas, especialmente en concellos pequenos, das que polo menos o 60 % serán de titularidade pública autonómica.
“Galicia está a facer un esforzo moi importante para reforzar a atención ás persoas dependentes. Estamos creando prazas, abrindo novos centros e incrementando os recursos. Agora reclamamos que o Goberno central faga tamén a súa parte”, sinalou Hermelo.
Nese sentido, a deputada popular recordou que a “reforma da lei aprobada recentemente no Congreso constata que Galicia vai por diante na atención á dependencia, xa que case todas as novas medidas desta reforma estatal xa se están a aplicar aquí”.
A iniciativa aprobada hoxe polo Parlamento galego reclama que o Estado garanta un financiamento acorde co custo real da dependencia e coa realidade dunha comunidade como Galicia, marcada polo envellecemento e a dispersión poboacional.
“As persoas dependentes non precisan anuncios, precisan servizos. E para que haxa servizos fan falta recursos. Galicia cumpre; agora é o momento de que o Goberno central cumpra tamén coa súa responsabilidade”, concluíu.