Santiago, 7 de abril de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se esixe ao Goberno de España que aplique un IVE súper reducido aos produtos do mar, unha vez se aprobe a Directiva europea de reforma dos tipos deste imposto.
A portavoz popular do Mar, Teresa Egerique, lembrou que “sempre defendemos que os produtos pesqueiros deberían ser considerados como alimentos de primeira necesidade e acadar o IVE máis baixo, ao igual que outros alimentos básicos como o pan ou o leite”.
DO 10 AO 4 POR CENTO
“Trátase dunha medida que apoian tamén o Parlamento Europeo e a Comisión Europea, polo que entendemos que en canto Bruxelas aprobe a nova directiva sobre o IVE, prevista para mediados deste ano, o Goberno central xa non terá máis pretextos aos que agarrarse e deberá actuar e baixar con celeridade o IVE do peixe”, manifestou.
Teresa Egerique afirmou que “a redución ou eliminación deste imposto aumentaría o consumo dos produtos do mar cos conseguintes beneficios para a saúde dos consumidores e económicos para o sector”. Neste sentido, lembrou que, desde antes da alerta sanitaria, o Parlamento de Galicia xa aprobou iniciativas que foron remitidas ao Goberno central e nas que solicitaba a rebaixa deste imposto do 10 ao 4 por cento para igualalo ao que aplican outros países da UE.
Ademais, apuntou que esa rebaixa fiscal “é unha das medidas incluídas no Plan Avantemar de Galicia para a recuperación do sector marítimo-pesqueiro trala crise derivada da alerta sanitaria e que a Xunta volverá demandar ao Goberno central co obxectivo de que se aplique o antes posible”.