Santiago, 6 de xullo de 2018.- O Parlamento galego aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a elaborar plans de innovación específicos, coa participación do sector, para o desenvolvemento de novos usos da madeira, novos materiais de base biolóxica e de aplicación do deseño que contribúan a mellorar a valorización dos produtos da industria forestal galega, coa participación dos axentes económicos e sociais dos sectores implicados.
Ademais, e logo dunha transacción do Grupo Socialista, incorporouse que estes plans teñan un carácter transversal e conten con recursos no próximo orzamento de 2019.
O deputado popular Moisés Blanco lembrou que a industria forestal inclúe a todos os axentes involucrados na posta en valor dos recursos forestais, moi especialmente aqueles que traballan na primeira e segunda transformación. En concreto, representa o 8 por cento do valor engadido de fabricación na Unión Europea, proporciona ingresos para case 16 millóns de propietarios de montes e conta con máis de 3 millóns de traballadores.
ESTRATEXIA DE FORMACIÓN
“Atopámonos ante un sector estratéxico que, en virtude do compromiso da Xunta, dispón por primeira vez dun órgano específico, a Axencia Galega da Industria Forestal, que actúa como interlocutor único para atender as demandas da industria”, manifestou Moisés Blanco, quen sinalou como “grandes parámetros nos que traballa a formación, a innovación e a internacionalización”.
Así mesmo, indicou que o Consello da Xunta do pasado 29 de xuño aprobou a primeira estratexia de formación da industria forestal de Galicia, elaborada coa participación das principais asociacións representativas deste ámbito e que permitirá impulsar a especialización de máis de 5.000 profesionais cunha oferta a medida. “Esta actuación desenvolverase ata 2020 cun orzamento de 1.550.000 euros para asegurar a adaptación dos traballadores ás novas tendencias e desafíos”, sinalou.
O deputado popular explicou que “as liñas de investigación e innovación no sector da industria forestal focalízanse no desenvolvemento de novos produtos e o inventario de novas calidades”. Neste sentido, afirmou que “algunhas destas actividades xa se están a realizar en Galicia, pero desenvolver un plan de innovación específico impulsaría a innovación en novos materiais e situaría á Comunidade galega nunha posición de liderado no eido nacional e europeo”.