Santiago, 11 de setembro de 2019.- O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o Grupo Mixto, unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a elaborar, ao longo de 2020, un protocolo específico de atención ás persoas maiores que viven soas que coordine as actuacións de todos os servizos públicos e institucións implicadas na materia, contando especialmente cos servizos sociais comunitarios.
Así mesmo, demándase estender de xeito eficaz o servizo de axuda a domicilio, co obxectivo de garantir a cobertura en todo o territorio, tamén no medio rural, coordinándose coa atención primaria.
A iniciativa inclúe, ademais, aumentar os orzamentos para o Plan Concertado para garantir o servizo de axuda no fogar, de xeito que se garanta a cobertura en todo o territorio e o aumento do tempo de atención a cada persoa usuaria.
Tamén se pide apoio técnico aos concellos para a elaboración de protocolos sociosanitarios municipais de atención ás persoas maiores que viven soas; elaborar un estudo e base de datos sobre as persoas maiores que viven soas, en colaboración cos Servizos sociais comunitarios; e sensibilizar á cidadanía e formar ás e aos profesionais sobre o illamento social e as súas consecuencias.
ENVELLECEMENTO ACTIVO E SAUDABLE
A portavoz de Servizos Sociais do Grupo Popular, Marta Rodríguez Arias, salientou que “un dos principais retos do actual Goberno galego é facilitar un envellecemento activo e saudable, e para iso é fundamental é servizo de axuda no fogar”. Neste sentido, salientou que este servizo “conta este ano con máis de 75 millóns de euros e presta atención a 24.000 dependentes”.
Así mesmo, Marta Rodríguez lembrou que “o maior desafío que afronta Galicia a medio e longo prazo é o problema demográfico” e por iso “Galicia converterase na primeira comunidade autónoma cunha Lei de impulso demográfico, que ten previsto un investimento anual de máis de 700 millóns de euros”.