Santiago, 22 de decembro de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei, consensuada entre os tres grupos parlamentarios, a través da que se demanda ao Goberno central a reposición inmediata das liñas de ferrocarril suprimidas coa desculpa da Covid-19, así como o mantemento da liña Avant Coruña-Ourense con saída ás 6:30 da mañá e chegada ás 7:38 e a revisión dos horarios de cara a favorecer a mobilidade entre Coruña, Santiago, Ourense. Así mesmo, reitérase a solicitude para que se mellore o transporte ferroviario entre Ourense, Santiago e A Coruña, esixindo que no prazo de dous meses se negocie un calendario de cumprimento.
A iniciativa parlamentaria tamén solicita ampliar de xeito inmediato o cadro de persoal, principiando por cubrir as prazas vacantes, que permitan garantir o funcionamento axeitado de todos os servizos, especialmente no relativo á necesaria corrección do déficit de maquinistas, de especialistas de operacións comerciais de información e venda presencial, persoal de control de acceso e persoal de atención aos viaxeiros.
A deputada popular Noelia Pérez cualificou como un “fito histórico” o inicio das circulacións comerciais do AVE a Ourense, pero “esta gran noticia non pode impedirnos ver con claridade as necesidades pendentes en Galicia en materia ferroviaria”.
ESTENDER O AVE A TODAS AS CIDADES
En concreto, manifestou que “non imos renunciar á chegada dos trens AVRIL de ancho desprazable no calendario comprometido polo Goberno central, para que a alta velocidade a Galicia non quede nun proxecto inconcluso e siga estendéndose a todas as cidades galegas”. “Levamos insistindo desde hai tempo ante o Goberno de España na necesidade de que, do mesmo xeito que se impulsou a alta velocidade entre Ourense e Madrid, é preciso impulsala tamén co resto das cidades galegas e que se melloren os servizos de tren de proximidade”, apuntou.
“Os servizos ferroviarios e as prestacións relacionadas con eles que nestes momentos está a poñer o Goberno de España enriba da mesa non son as idóneas, nin para os cidadáns que aposten polos medios de transporte público, nin para as familias galegas, nin para a vertebración territorial”, sinalou a deputada popular.