Santiago, 8 de febreiro de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, a iniciativa do Grupo Popular, unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a iniciar, unha vez entre en vigor o regulamento europeo polo que se definen as características dos buques de pesca, un proceso de diálogo de cara á adecuación dos coeficientes redutores da idade de xubilación ás características da actividade marítimo-pesqueira en Galicia, toda vez que os cambios substanciais na realidade operativa de embarcacións e prácticas de marisqueo demanda esta posibilidade de cambio.
O portavoz de Mar do Grupo Popular, Carlos López Crespo, lembrou que o novo regulamento europeo polo que se definen as características dos barcos de pesca atópase en fase de borrador e posporase a súa entrada en vigor ata o verán do presente ano 2017.
REDEFINICIÓN
“Unha vez definido este regulamento sería positivo iniciar esta redefinición dos coeficientes redutores de xubilación dos tripulantes de buques palangreiros e arrastreiros, toda vez que seguen existindo anacronismos e agravios comparativos que é preciso eliminar”, manifestou López Crespo.
En concreto, o portavoz popular defendeu adaptar este novo regulamento á normativa española co obxectivo de uniformizar as súas circunstancias a efectos laborais e de xubilación. “A día de hoxe, existen diferenzas entre buques do mesmo caladoiro segundo a tonelaxe que teñan, dándose a circunstancia de que dous mariñeiros de Gran Sol que embarquen cada un nun buque maior ou menor de 250 TRB terían coeficientes diferentes”, explicou.
Ademais, engadiu que existen anacronismos coma a presenza de buques bateeiros que se engaden ao dos propios conxeladores, ao tempo que se deben introducir cuestións que a técnica superou, como que antigamente un conxelador que ia lonxe era necesariamente de gran eslora e hoxe pode facelo un barco de menor tamaño.