Santiago, 27 de setembro de 2017.- O Parlamento galego aprobou hoxe, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o Grupo Socialista, solicitar aos órganos de contratación da Administración xeral da Comunidade galega e do seu sector público que adopten e poñan en práctica medidas de discriminación positiva nos procesos de contratación que favorezan o acceso ou presencia nas contratacións de proxectos e obra pública dos profesionais novos e novas, así como dos pequenos estudios de arquitectura.
Así mesmo, a proposición non de lei aprobada incorpora que a Xunta de Galicia estableza convenios cos colexios profesionais dos campos da arquitectura, urbanismo e enxeñería para promover e fomentar concursos de ideas. En concreto, o obxectivo é conseguir un incremento progresivo destes concursos de ideas ata acadar a porcentaxe do 20 por cento, sempre que sexa posible en atención ás actuacións que se executen, do total das contratacións de proxectos de arquitectura, urbanismo ou enxeñería, no horizonte do ano 2020.
A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, avogou hoxe porque “todas as administracións públicas faciliten que os profesionais máis novos e os pequenos estudos de arquitectura e urbanismo teñan máis traballo”.
Paula Prado sinalou que “un dos sectores máis afectados pola crise foi o sector da construción, polo que os profesionais deste sector viron reducido considerablemente o seu traballo”, aínda que afirmou que “xa se percibe unha mellora evidente á que axuda as políticas aplicadas pola Xunta de Galicia”.
FACILITAR OS TRÁMITES
“Somos conscientes da necesidade de facilitar os trámites por parte de todas as administracións para favorecer dar traballo aos profesionais máis novos e aos pequenos estudos de arquitectura e urbanismo”, indicou a viceportavoz popular.
Neste sentido, lembrou que na nova Lei de contratos do Estado incorporáronse o 80 por cento das reivindicacións realizadas polo Colexio de Arquitectos de Galicia, entre as que figuran máis anos de solvencia técnica, primar a calidade fronte á oferta económica, engadir no obxecto dos concursos a dirección de obra, procedementos abertos ou restrinxidos, compensación económica na segunda fase do concurso, ampliar os membros do xurado coa mesma cualificación que a esixida aos participantes, carácter vinculante do ditame do xurado e o desenvolvemento regulamentario das disposicións sobre concursos de proxectos