Santiago, 16 de outubro de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei, impulsada polo Grupo Popular, a través da que se solicita ao Goberno central que potencie o papel do procurador como colaborador da Administración de Xustiza, tamén na fase de execución das resolución xudiciais, coa realización de actos de cooperación acorde coas fórmulas empregadas no Dereito Europeo e coa finalidade de axilización dos procedementos xudiciais.
A deputada popular Julia Rodríguez Barreira afirmou que os procuradores “desenvolven unha función determinante: a de facer de intermediarios entre os xuíces e os cidadáns”, e apuntou que “o seu é un papel imprescindible para os avogados, que solo así poden ter garantía da evolución do proceso”. Neste sentido, salientou que “a extensión das funcións do procurador aos actos de comunicación e notificación está sendo moi efectiva, e mesmo así o ten sinalado de forma expresa nalgunhas resolucións xudiciais”.
REPERCUSIÓN ECONÓMICA
“Acreditada a eficacia e efectividade das funcións atribuídas aos procuradores en materia de actos de comunicación, este colectivo aspira e demanda conseguir competencias en materia de execución”, sinalou a deputada popular. En concreto, dixo que “a ampliación das capacidades do servizo común para executar embargos e dilixencias permitiría desenvolver as execucións mais rápido e, desta maneira, ampliar a capacidade dos xulgados para resolver mais casos”.
Julia Rodríguez lembrou que “os seus argumentos, desgranados en diferentes foros, non pivotan unicamente na axilidade xudicial, porque os procuradores teñen cuantificado a enorme repercusión económica que ten para empresas e profesionais unha execución ralentizada e ineficaz”.
AXILIDADE DOS PROCEDEMENTOS XUDICIAIS
Deste xeito, sinalou que “haberá que arbitrar fórmulas para que a dirección da execución siga correspondendo aos xulgados, que dirixirían as novas competencias dos procuradores para garantir a seguridade xurídica ao cidadán, e mesmo cunha regulación completa nas leis procesuais sobre os supostos nos que poderían estar excluídos da atribución ao procurador algúns actos procesuais que se estime preciso en aras a garantir a tutela xudicial efectiva”.
“Axilizar a fase de execución é fundamental para garantir a axilidade dos procedementos xudiciais, non só porque unha sentencia gañada non resulta efectiva en tanto non se lle da cumprimento, senón tamén porque permitiría desconxestionar a carga de traballo que representan as execucións, dando maior celeridade a tramitación doutras fases dos procedementos”, engadiu.