Santiago, 18 de xuño de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno central que teña en conta os aspectos formulados polo sector pesqueiro galego para a mellora da regulación dos intercambios de cota, de forma que permitan un mellor aproveitamento das posibilidades de pesca ao tempo que non se prexudique ao sector de artes menores.
En concreto, a proposición non de lei refírese á mellora da cota de anchoa na zona IXa para a flota de cerco do Cantábrico e Noroeste; á revisión e adecuación da asignación por frotas de especies coma o ollomol e alfonsinos; á atención da demanda do sector de arrastre litoral para dispoñer de posibilidades de pesca e acceso a augas de Portugal en virtude do acordo recíproco de pesca subscrito entre ambos países; e á mellora da asignación de especies con presencia como pesca accidental e alto aproveitamento comercial, caso do atún vermello e o peixe espada.
A portavoz do Mar do Grupo Popular, Teresa Egerique, lembrou que o Ministerio de Pesca presentaba ao sector a finais do pasado ano un proxecto de orde ministerial polo que se propoñía un reparto de determinadas especies compartidos entre varios caladoiros.
“Desde o PPdeG compartimos esta proposta, pero consideramos que o alcance, oportunidade e adecuación desta norma non debe limitarse unicamente á obriga de desembarque, senón que debe prever e previr na medida do posible tanto as consecuencias que se derivan do Brexit, como as recentes reformas que introduciu o Regulamento de Control e Medidas Técnicas, así como a futura adopción do Plan Plurianual para Augas Occidentais”, sinalou.
ALEGACIÓNS DO SECTOR
Así mesmo, Egerique sinalou que “o propio sector fixo unha serie de alegacións poñendo de relevo que é fundamental que se garanta que este desenvolvemento normativo procure a non distorsión das posibilidades de pesca, de xeito que se manteña a estabilidade relativa e o mesmo equilibrio existente”.
Fundamentalmente, o sector fai referencia á posibilidade de intercambio de cotas con outros países para aqueles segmentos de frotas e buques con maiores necesidades de consumo, en especial para paliar problemas ligados á obriga de desembarque.
A portavoz popular incidiu que “estamos de acordo con esta flexibilidade para conseguir un mellor aproveitamento das cotas, porque entendemos que aínda se podería ir un paso máis adiante nalgúns casos, como a modificación da asignación feita do stock da anchoa da IXa, de forma que se eviten os prexuízos causados á flota galega coa actual distribución desta especie”.
Así mesmo, Teresa Egerique dixo que “a primeiros de ano coñecíamos que o goberno permitirá a cesión e venta de cotas entre buques de distintos censos e caladoiros”. “Parece demasiado elevada a reserva dun sete por cento de todas as cotas repartidas de forma individual para intercambios con outros Estados membros”, indicou.
“A nova orde complétase con aspectos como a prohibición da pesca dirixida ao ollomol e alfonsino, o reparto en base a criterios históricos e, por último, a responsabilidade do armador, e non de todo o segmento de frota, cando irresponsablemente se consuma máis cota da dispoñible”, engadiu.