Santiago, 21 de outubro de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España o restablecemento de todos os servizos ferroviarios suprimidos con motivo da pandemia do Covid-19.
En concreto, pídese a restitución dos tren-hotel entre Galicia e Madrid e Barcelona; de todos os traxectos e frecuencias dos trens rexionais; de todos os traxectos e frecuencias dos trens de longa distancia que conectan Galicia co resto de España e Portugal; que fagan parada todos os trens de longa distancia que pasen pola estación de Vilagarcía con destino ou orixe en Madrid; a rebaixa do prezo do tren Avant que comunica Ourense con Santiago e Coruña, para homologalo con outras liñas do resto de Galicia.
En definitiva, a proposición non de lei demanda ao Goberno central unha aposta decidida pola potenciación do ferrocarril como modo de mobilidade sustentable tanto para persoas como para mercadorías, a mellora e modernización das infraestruturas tanto internas como de conexión co exterior, e o incremento de servizos, sobre todo mediante a implantación do tren de proximidade onde sexa posible e as conseguintes vantaxes en canto a frecuencia, horarios e prezos.
A deputada popular Begoña Freire lembrou que desde o Goberno galego e o PPdeG “levamos meses reclamando con insistencia a necesidade de que a oferta de servizos ferroviarios en Galicia responda á demanda dos galegos, ao tempo que a oferta de servizos por parte de Renfe garanta o dereito á mobilidade que carece de restricións desde que se levantou o estado de alarma”.
AGRAVAR A SITUACIÓN PERIFÉRICA
“A pandemia sanitaria non pode ser empregada como escusa para xustificar unha redución drástica dos servizos e das frecuencias ferroviarias, que limitan os dereitos de mobilidade dos galegos e dificultan o acceso de moitos cidadáns ao lugar de traballo e ensino, agravando a situación periférica de Galicia”, manifestou.
Begoña Freire lembrou que “xa antes da pandemia os servizos ferroviarios eran insuficientes para atender as necesidades de mobilidade dos galegos, pero agora, que estamos a piques de recuperar a normalidade, vemos que non só non se mellora a rede ferroviaria, senón que non hai intención algunha nin sequera de volver a aquela situación de marzo de 2020”.
Deste xeito, a deputada popular concluíu que “se non se ofrecen servizos útiles e competitivos, no que atinxe a horarios e frecuencias, é imposible espertar o interese dos viaxeiros”.