Santiago, 15 de xullo de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda á Xunta que continúe incorporando máis vantaxes ao Carné Xove para seguir promovendo entre as novas xeracións descontos no ámbito cultural, no aloxamento, nos transportes, no comercio ou no ensino.
“Traballar polos máis novos é investir no futuro de Galicia”, sinalou a deputada popular Noelia Pérez.
A día de hoxe, son máis dun milleiro os establecementos galegos adheridos ao programa do Carné Xove que están a outorgar vantaxes á mocidade, aos que se engaden moitos outros no resto das comunidades españolas e ata en 40 países europeos. Neste sentido, Noelia Pérez salientou “a posta en marcha dunha nova aplicación móbil que permitirá acceder a un listado de descontos e promocións xeolocalizados”.
BOA ACOLLIDA
A deputada popular considerou “irrefutable que a permanencia do Carné Xove durante algo máis de tres décadas desde o seu nacemento avalan a boa acollida que tivo e segue a ter entre a mocidade”. “Por este motivo, consideramos que algo que tivo tan boa acollida ao longo dos anos ten que seguir medrando e ofrecendo cada vez máis vantaxes aos mozos e mozas de Galicia”, apuntou.
Noelia Pérez lembrou que a Xunta incorporou no pasado mes de decembro unha serie de novidades respecto ao Carné Xove “co obxectivo de facelo máis accesible e adaptalo aos novos tempos”. En primeiro lugar, procedeuse ao envío ao domicilio de xeito gratuíto ao 100 por cento dos mozos e mozas galegos de entre 12 e 30 anos, “eliminando así a necesidade de ter que solicitalo e entregándollo xa na man a máis de 400.000 rapaces e rapazas”. “Unha vez recibido nos seus domicilios, os mozos só tiveron que activalo nun dos centros habilitados ou, con posterioridade, pola vía electrónica habilitada pola Xunta”, explicou.
Outras novidades incluídas é que o Carné Xove outorga aos mozos e mozas dun seguro de balde que os cubre nos seus desprazamentos, ao tempo que se suprimiron as taxas para a súa renovación, que antes eran de seis euros; e a súa vixencia pasou a ser indefinida, en vez de caducar aos dous anos.