Santiago, 7 de marzo de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta de Galicia a mellorar e ampliar o programa galego de pacientes polimedicados para garantir unha prevención, detección e resolución dos problemas cos medicamentos de forma proactiva, integral e máis efectiva, a través da posta en marcha de estratexias de xestión, da mellora da formación dos profesionais e da implicación dun maior número deles para darlle continuidade asistencial a este tipo de pacientes.
Rodríguez-Vispo indicou que “nas últimas décadas estamos asistindo a un envellecemento progresivo da poboación e unha das consecuencias inmediatas é o rápido aumento de pacientes con múltiples enfermidades crónicas e o aumento do uso dos medicamentos”. “Esta situación é particularmente importante en Galicia, xa que presenta unha poboación máis envellecida e con maior prevalencia de enfermidades crónicas que a media nacional”, apuntou.
“A polimedicación ten importantes implicacións non só na eficacia terapéutica, senón tamén na propia seguridade do paciente”, afirmou a deputada popular. Por este motivo, considerou “importante levar a cabo unha revisión sistemática e periódica da medicación neste tipo de pacientes”, polo que avogou pola “elaboración dun protocolo para esta revisión sistemática e periódica, que paliaría en parte o problema da conciliación que coloca ao paciente nunha situación de risco, tanto no proceso da alta hospitalaria como no tránsito asistencial”.
ESTUDOS DOS PACIENTES
Así mesmo, Marta Rodríguez-Vispo considerou necesario “o estudo do pacientes susceptibles de presentar problemas de seguridade, establecendo a poboación diana non só polo número de medicamentos prescritos aos pacientes crónicos como ata agora, senón aos que teñan prescritos medicamentos que poidan dar lugar a problemas de seguridade e erros de medicación”.
“Entendemos que a ampliación e mellora na atención farmacolóxica a pacientes crónicos e polimedicados en Galicia conseguiría mellorar a calidade e seguridade asistencial, así como un uso máis responsable da prestación farmaceútica”, manifestou.