Santiago, 22 de xuño de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a promover, a través da Academia Galega de Seguridade, cursos ou xornadas en materia de inspección do xogo dirixidas ao persoal dos corpos e forzas de seguridade (Garda Civil, Policía Local, Policía Nacional e Unidade de Policía Adscrita) para facilitarlles as tarefas de inspección e control dos establecementos de xogo e das máquinas e aparellos de xogo aos efectos de comprobar o debido cumprimento da normativa existente.
Persecución do xogo clandestino; control da presenza de menores nos establecementos de xogo ou o uso de maquinas con premio nos locais de hostalería; comprobación de toda denuncia relacionada co xogo; vixilancia de aforos; comprobación de autorizacións de instalación, de horarios ou da documentación das máquinas de xogo; e control do acceso aos recintos son algunhas das accións que desenvolven as forzas de corpos de seguridade en materia de control do xogo.
COMPLETA FORMACIÓN
“Para realizar todas estas funcións de xeito correcto e eficiente, os membros das forzas e corpos de seguridade deben ter o necesario acceso a unha completa formación que lles facilite un coñecemento exhaustivo de toda a normativa de xogo, sobre todo dos distintos tipos de infraccións, tanto os recollidos na lei como nos distintos regulamentos aplicables a cada un dos xogos permitidos”, sinalou a deputada popular Marisol Díaz Mouteira.
Ademais, apuntou que estes profesionais “deben coñecer cales son os órganos competentes para incoar, instruír e resolver os correspondentes expedientes sancionadores e, polo tanto, cales son os órganos aos que deben remitir as actas de infracción”.
Marisol Díaz afirmou que “para iso contamos coa Academia Galega de Seguridade Pública, centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade, así como tamén dos servizos de emerxencias”. “Unha academia que, máis aló da preparación dos profesionais no tocante ás súas condicións psicofísicas e habilidades de autodefensa, tamén traballa en materias de ámbito social, como por exemplo a atención de persoas en situación de especial vulnerabilidade e menores”, engadiu.