Santiago, 30 de abril de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei, logo dunha transacción entre o Grupo Popular, En Marea e o Grupo Socialista, a través da que se insta á Xunta de Galicia á posta en marcha dunha campaña para fomentar a sensibilización e o coñecemento da lexislación vixente en materia de integración das persoas con discapacidade na empresa privada.
Así mesmo, pídese ao Goberno central que promova unha reforma da lexislación para que se manteña, con cargo aos orzamentos do Estado, a prestación familiar por fillo con discapacidade a cargo, no caso de que este teña uns ingresos anuais procedentes de rendementos do traballo por enriba do 100 por cento do salario mínimo interprofesional.
Así mesmo, a iniciativa parlamentaria demanda que a Xunta garanta o cumprimento do disposto na Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social no relativo á reserva de polo menos 2 de cada 100 postos para persoas de diversidade funcional na Administración galega, así como introducir cláusulas sociais na contratación pública que incentiven ás empresas que implanten medidas para o impulso da inserción laboral de persoas con discapacidade.
A deputada popular Marta Rodríguez-Vispo engadiu que a proposición non de lei tamén incorpora a solicitude para que o Goberno do Estado reforce as actuacións da Inspección de Traballo na vixilancia do cumprimento da cota de reserva de emprego para persoas con discapacidade.