Santiago, 10 de novembro de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou esta mañá a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta de Galicia a utilizar os Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) para fomentar a diversificación da economía cara actividades agrarias e non agrarias sostibles no medio rural.
O deputado Carlos Gómez Salgado lembrou que os GDR son entidades sen ánimo de lucro dirixidos a asegurar a participación da sociedade rural dentro do programa Leader. Por iso, están integrados por socios públicos e privados que seleccionan os proxectos que lles permiten levar a cabo a súa estratexia de desenvolvemento.
FORMULACIÓN MULTISECTORIAL
“Os GDR implican, polo tanto, unha formulación multisectorial, tanto na dimensión económica, non só do sector primario, como no resto de dimensións sociais, equipamentos, servizos e dotacións públicas, defensa dos valores patrimoniais e medioambientais, relacións sociais ou traballo en rede, entre outras”, indicou Gómez Salgado.
Ademais, o deputado popular sinalou que “non hai ningunha dúbida na necesidade de potenciar as actividades agrarias”, pero subliñou que “tense que potenciar tamén a implantación de actividades non agrarias, como un mecanismo de diversificación e de fixación de poboación”.
Deste xeito, Carlos Gómez considerou “evidente que a propia configuración dos grupos de desenvolvemento rural pode facilitar o coñecemento daquelas actividades non agrarias que terán máis posibilidades de implantarse en cada parte do territorio”, polo que cualificou de “oportuno o impulso do aproveitamento das sinerxias dos GDR para aproveitar esta diversificación”.