O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe a Lei de medidas fiscais e administrativas, unha norma que “consolida o modelo de estabilidade, moderación fiscal, política social responsable e simplificación administrativa recoñecible de Galicia”, manifestou o viceportavoz do Grupo Popular, Julio García Comesaña.
“É unha lei útil, necesaria e plenamente constitucional”, asegurou García Comesaña, quen apuntou que é “unha ferramenta que permite adaptar o ordenamento xurídico para que os orzamentos non sexan papel mollado e para que as políticas públicas se poidan executar con seguridade xurídica”.
Entre as medidas que inclúe esta lei, Julio García Comesaña indicou que “continúa pola senda da rebaixa de impostos e do alivio da presión fiscal sobre as rendas medidas e baixas” que ven implantando o Goberno galego nos últimos anos”. En concreto, de cara ao vindeiro ano elimínase a tributación no IRPF das axudas ás persoas enfermas de ELA, suprímese a tributación das compensacións ás vítimas da talidomida e elimínase a tributación das axudas polos incendios forestais deste ano.
Así mesmo, no ámbito da vivenda continúa a senda para facilitar o acceso e mobilizar o parque existente mediante tipos reducidos no imposto de transmisión patrimonial e actos xurídicos documentados ou bonificación específicas para familias monoparentais e vítimas de violencia de xénero. “Reforzamos a vivenda pública axilizando os procedementos e blindando o carácter social dos aloxamentos compartidos polo IGVS, co obxectivo claro de duplicar o parque público de vivenda nos vindeiros anos e crear solo para ata 20.000 vivendas protexidas”, apuntou.
García Comesaña destacou, por último, que esta Lei supón un novo avance na simplificación administrativa e na actividade económica, reducindo ata a metade os prazos de tramitación, facilitando a creación de solo industrial e evitando conflitos interpretativos que xeran recursos, paralizacións e custes innecesarios.