Santiago, 22 de decembro de 2020.- O Parlamento galego aprobou hoxe a Lei de pesca continental de Galicia, un novo texto lexislativo que permitirá “avanzar cara unha pesca fluvial máis sustentable, sostible no tempo e compatible coa protección do medio ambiente a medio e longo prazo, dando respostas claras, certeiras e seguridade xurídica”, manifestou a deputada do Grupo Popular Elena Candia.
Na súa intervención, Candia agradeceu o traballo desenvolvido pola Xunta e os ponentes desta Lei no Parlamento, así como a todos os que velan pola boa saúde dos ríos galegos, especialmente os axentes medioambientais, neste momento de pandemia. Afirmou que esta nova lei impulsará a actividade recreativa da pesca, ao tempo que fomentará unha maior concienciación na protección dos ríos galegos. Deste xeito, indicou que este texto permitirá “regular, protexer, fomentar o dereito ao exercicio da pesca nas augas continentais e o ordenado aproveitamento dos recursos piscícolas”.
RELEVO XERACIONAL
Elena Candia considerou necesaria a “aplicación de medidas para garantir o relevo xeracional e fomentar a formación, educación e sensibilización ambiental; impulsar a pesca sen morte; o emprego da pesca como ferramenta de desenvolvemento turístico, económico e social no rural; e unha planificación estratéxica da xestión da pesca continental para optimizar a xestión dos recursos”.
Ademais, a deputada popular apuntou que o perfil medio dos pescadores galegos sitúase entre os 50 e os 70 anos, polo que incidiu “na imprescindible labor de fomentar a participación das xeracións máis novas, non só para garantir o futuro desta práctica deportiva, senón tamén para xerar a necesaria conciencia ambiental entre os mozos”.
ESCOLAS DE RÍO
“Neste ámbito enmárcase a creación das Escolas de Río, unha ferramenta que axudará a fomentar a formación e a educación dos máis pequenos na práctica da pesca continental e no coñecemento e respecto dos ecosistemas acuáticos”, engadiu.
A deputada popular apuntou que os nenos e nenas de ata 14 anos poderán practicar a pesca deportiva ou recreativa sen necesidade de licenza, sempre e cando vaian acompañados dun adulto que teña o correspondente permiso, ao tempo que todos os menores de idade que queira solicitar a licenza estarán exentos do pagamento das taxas.
“Somos plenamente conscientes de que en Galicia o modelo de pesca tradicionalmente arraigado é o extractivo, pero entendemos que o noso camiño ten que ir cara un modelo de pesca máis sustentable, e a pesca sen morte é a mellor garantía a longo prazo”, afirmou. Porén, concretou que “a intención é fomentar este tipo de actividade en coexistencia co modelo tradicional extractivo, pero procurando o equilibrio entre os dous”.
LIGADA AO MEDIO RURAL
Elena Candia lembrou que “a pesca é unha actividade eminentemente ligada á poboación do medio rural, pero tamén pode xogar un papel fundamental como ferramenta de desenvolvemento turístico, económico e social destas áreas”.
Neste sentido, referiuse ás augas de pesca de aproveitamento privado, “unha figura que de seguro axudará a potenciar o turismo de pesca e fomentará a práctica desta actividade en períodos de veda”.
Respecto das sancións, Elena Candia explicou que “simplifícase a clasificación das categorías de infraccións, eliminando a categoría de menos graves e reducindo o importe cando o infractor recoñeza a súa responsabilidade”. “Pero tamén se dedica unha atención especial á reparación do dano causado e á reposición da situación alterada, aspectos que poden ser materialmente tan importantes como a mesma tipificación da infracción e a determinación da sanción aplicable”, engadiu.