Santiago, 9 de febreiro de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a primeira Lei de museos e outros centros museísticos de Galicia, “unha norma novidosa no ámbito autonómico e pioneira no eido do respecto pola pluralidade, o acceso á cultura e a integración da perspectiva de xénero e emprego das TIC, que pretende outorgar todo o protagonismo que merecen a estes centros tendo en conta a súa cuádrupla dimensión: social, investigadora, pedagóxica e económica”, manifestou o portavoz de Patrimonio Cultural do Grupo Popular, José Luís Ferro.
Na súa intervención, Ferro asegurou que con esta nova lei “dotamos aos museos de maior flexibilidade, maior coordinación, maior rigor, maior seguridade xurídica, mellor xestión e fomento da investigación”, e engadiu que se trata dunha lei “aberta, dialogada, con moita participación, ben montada e que ninguén do sector criticou”.
CONCEPTO ÁMPLIO E XENÉRICO
A nova Lei de museos completa a articulación legal das institucións culturais de referencia en Galicia, logo da posta en marcha da Lei de bibliotecas en 2012 e a Lei de arquivos e documentos en 2014. Deste xeito, Ferro afirmou que “Galicia precisaba dunha norma que regulase o sector con flexibilidade e mirando ao futuro, que dote de seguridade xurídica e potencie a actividade desenvolvida no eido dos museos, e que teña en conta a dimensión plural da súa función dentro dunha sociedade moderna e democrática”.
A lei define cada unha das tipoloxías que integran o concepto máis amplo e xenérico de centro museístico (museos, coleccións museográficas e centros de interpretación do patrimonio cultural de Galicia), delimita as condicións necesarias para a súa creación, así como aspectos organizativos e de xestión.
José Luís Ferro indicou, ademais, que esta lei “ten por obxecto a regulación do réxime xurídico destas institucións de interese para Galicia, así como o establecemento do Sistema Galego de Centros Museísticos, presidido polos principios de coordinación, colaboración e complementariedade, cuxo fin é a mellora da organización e o funcionamento dos centros que o integran”.
“Pero tamén se facilita a creación de redes de centros museísticos para mellorar a cooperación e o aproveitamento transversal dos medios dos que dispoñen, co fin de incrementar a súa eficacia no cumprimento das súas funcións”, manifestou.
NOVAS FERRAMENTAS E ÓRGANOS
O portavoz popular considerou de “especial relevancia as novas ferramentas e órganos creados para a mellora na xestión destas institucións en Galicia: o Consello de Centros Museísticos, un órgano colexiado de natureza consultiva; e o Rexistro Xeral de Centros Museísticos, que será o instrumento de carácter administrativo no que se inscribirán os museos, as coleccións museográficas e os centros de interpretación do patrimonio cultural autorizados”.
Este último órgano substituirá ao actual Censo de Museos de Galicia, que conta cun total de 94 centros e integrará, como mínimo, os datos relativos á titularidade, domicilio, denominación, tipoloxía e ámbito temático, descrición dos bens mobles que o conforman, recursos humanos, áreas funcionais, servizos que presta, horarios e réxime de visita pública.
Para rematar, José Luís Ferro destacou que esta nova lei fomenta a actividade científica e investigadora nos museos. “Queremos impulsar a investigación que se fai desde dentro, especialmente nos centros de titularidade ou xestión autonómica, e non só no ámbito dos museos integrados nas redes galegas de museos, senón tamén no ámbito do Estado e mesmo no eido internacional”, engadiu.