Santiago, 11 de setembro de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, cos votos favorables dos grupos parlamentarios de En Marea e BNG, e a abstención do Grupo Popular, a creación dunha comisión de investigación para determinar as causas e dirimir as responsabilidades políticas no accidente ocorrido durante o Festival do Marisquiño en Vigo. “Son os propios socios do PSOE na Deputación de Pontevedra e noutras institucións galegas os que desconfían do alcalde de Vigo e utilizan as súas ferramentas no Parlamento para conseguir toda a información, logo do carpetazo e mordaza que existe no Concello vigués sobre todo o relacionado co accidente do Marisquiño”, sinalou a deputada popular Teresa Egerique.
Na súa intervención, Egerique lembrou que “é a segunda vez que os socios dos socialistas galegos piden a creación dunha comisión de investigación no Parlamento galego, logo de que este tema xa se debatera na Deputación Permanente celebrada a finais do mes de agosto e aprazáramos a nosa decisión asumindo que era unha competencia municipal”.
“A nosa negativa na Deputación Permanente respondía a que esperábamos que o alcalde de Vigo dera todas as explicacións no Pleno do Concello e se abrira unha investigación a nivel local, pero lamentablemente o alcalde non deu unha soa explicación e optou pola arrogancia e o insulto”, manifestou.
Así mesmo, asegurou que “non nos gusta facer comisións de investigación cando o tema está sendo investigado pola Xustiza, pero ante a mordaza existente no Concello de Vigo queremos transparencia, que se saiba toda a verdade e se depuren as responsabilidades”, indicou.
A deputada popular asegurou que “o Partido Popular non quere eludir o debate porque a Xunta non ten nada que ocultar e se algo funcionou ese día foi o dispositivo de emerxencias e sanidade”.