Santiago, 22 de novembro de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a seguir afondando na mellora e especialización da Vía da Plata como ruta preferente para os peregrinos a cabalo a través da creación polo menos dun albergue adaptado a estes usuarios.
O deputado popular Carlos Gómez Salgado lembrou que a Vía da Plata será un dos obxectivos prioritarios en 2019 do Plan Director do Camiño de Santiago. En concreto, está previsto un investimento de 30 millóns de euros, dos que 2,5 serán para executar obras de acondicionamento e sinalización; 7,4 para a planificación directa; 12 para conservación e mantemento; e outros 8 para a rehabilitación de bens de interese cultural.
COMPLETAR HOMOLOGACIÓN OFICIAL
Así mesmo, Gómez Salgado sinalou que a Vía da Plata obtivo en outubro de 2017 a homologación oficial da Real Federación Hípica Española como primeira ruta ecuestre en Galicia, o que motivou que a Xunta levara a cabo a sinalización deste itinerario cun investimento superior de 48.000 euros.
“Para completar esta homologación oficial, a Xunta está a impulsar no parque do Monte do Gozo un espazo de acollida a peregrinos a cabalo para dar facilidades aos centos de peregrinos que cada ano fan o Camiño de Santiago a cabalo”, indicou.
Deste xeito, e tendo en conta que un número importante de cabaleiros escolle a ruta da Vía da Plata para achegarse a Compostela, desde o Grupo Popular considérase necesario dotar dun albergue para estes peregrinos neste Camiño de Santiago.