Santiago, 12 de xullo de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de lei, impulsada polo Grupo Popular, a través da que se solicitan melloras para a seguridade dos ciclistas nas estradas galegas, a través da reforma do Código Penal para recupera a figura da imprudencia, intensificando o control nos tramos de maior concentración de ciclistas ou mellorando a sinalización que recorde a presenza de ciclistas.
A portavoz de Deporte do Grupo Popular, Lupe Murillo, sinalou que “o incremento no número de usuarios, e pode que a falta de concienciación de moitos dos que comparten estrada cada día con eles, dan como resultado un alto índice de sinistralidade nas nosas estradas”. “E certo que o número de vítimas mortais é menor cada ano dos derradeiros analizados, pero non é menos certo que é cada vez maior o número de accidentes con feridos nas estradas”, concretou.
COMPROMISO NO PROGRAMA ELECTORAL
Murillo lembrou que o PPdeG xa recolleu no seu programa electoral para as últimas eleccións autonómicas “o compromiso e preocupación por un feito que dun tempo a esta parte gañou presenza e notoriedade”. En concretou, sinalábase que se identificarán aqueles percorridos da rede autonómica de estradas con presenza habitual de ciclistas para a súa adecuación e axeitada sinalización, advertindo aos condutores de vehículos da súa presenza.
Este compromiso “debemos amplialo hoxe, buscando ser máis contundentes aínda pola realidade ante a nos atopamos nos últimos tempos, que amosa a existencia dunha debilidade xa ben na nosa lexislación, xa ben na percepción dos cidadáns sobre os perigos da falta de precaución nas estradas españolas”, indicou Lupe Murillo.
RESOLUCIÓNS APROBADAS
Deste xeito, a proposición non de lei aprobada hoxe solicita que o Goberno de España inicie os trámites necesarios para a reforma do Código Penal, recuperando a figura da imprudencia e revisando o concepto de imprudencia grave cando se provoque un accidente con alcohol ou drogas para ser considerado delito por dolo eventual e aumentar a súa pena. Ao mesmo tempo, demándase as reformas normativas necesarias que protexan e promovan os modos de mobilidade peonil e ciclista.
Así mesmo, demanda ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado intensificar o control que se leva a cabo nas estradas urbanas e interurbanas, nomeadamente naqueles tramos nos que hai maior concentración de ciclistas. Ao mesmo tempo, inclúe que ás administracións titulares das estradas con presenza frecuente de ciclistas realicen unha correcta, visible e abundante sinalización de puntos estratéxicos con carteis que recorden a presenza de ciclistas, así como a distancia de 1,5 metros a contar desde a presenza dos ciclistas en paralelo.
Por último, solicita ás administracións implicadas na seguridade viaria para que, en colaboración co Ministerio do Interior a través da Dirección Xeral de Tráfico, leven a cabo campañas sobre as grandes vantaxes do uso da bicicleta e consellos para a seguridade viaria.