Santiago, 18 de novembro de 2020.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a fomentar coñecemento e divulgación de deseños de hábitats naturais, promovendo nos edificios públicos a utilización de madeiras locais como elemento decorativo e construtivo, que permitan unha maior humanización dos espazos destinados á cidadanía, ademais de servir como referente para o sector privado.
O deputado popular José Antonio Armada salientou a importancia do sector da madeira na economía galega, xa que en 2018 superou unha facturación de 2.200 millóns de euros.
“Estamos a falar dunha oportunidade, a nivel económico e industrial, para a Galicia do futuro, porque estamos a falar que á cadea da madeira na Comunidade galega están asociados preto de 22.000 postos de traballo”, sinalou.
ACTUACIÓNS EN EDIFICIOS PÚBLICOS
O obxectivo desta proposición non de lei é impulsar e promover o uso da madeira na construción en Galicia. En concreto, Armada sinalou que “o propio Goberno galego xa está a implantar nos edificios públicos a utilización de madeiras locais, con iniciativas como a utilización da madeira no novo punto de atención continuada da Laracha, a escola infantil da Galiña Azul da Estrada ou o futuro centro de saúde do Porriño, ademais das actuacións realizadas nas instalacións da Xunta en San Caetano”.
Ademais, a Axencia Galega da Industria Forestal e o Sergas están colaborar para impulsar a utilización de madeira no acondicionamento de consultas e salas de espera dos centros de saúde públicos, especialmente nas zonas de pediatría, co obxectivo de favorecer o benestar dos usuarios, ao mesmo tempo que se promove a utilización deste material autóctono e sustentable.