Santiago, 15 de xuño de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, a instancias do Grupo Popular, unha proposición non de lei a través da que se demanda ao Goberno central o incremento do continxente de lombos de atún Erga Omnes da Unión Europea para o período 2019-2021, de 25.000 a 36.000 toneladas, para a industria conserveira.
A portavoz do Mar do Grupo Popular, Teresa Egerique, considerou “crucial que o Goberno de España se ocupe dos problemas do sector e negocie ante a Comisión e o Consello Europeo o incremento das posibilidades de mercado”. “O obxectivo é que desas negociacións saia un reparto xusto para a industria da Unión Europea e que se dea prioridade ás producións dos países comunitarios esixindo condicións de trazabilidade e responsabilidade social e ambiental nas producións das industrias europeas, así coma nas de terceiros países na súa comercialización no mercado comunitario”, indicou.
Teresa Egerique lembrou que a decisión da Unión Europea de reanudar as conversas e negociacións con Tailandia para establecer un tratado de libre comercio “terá un importante impacto para o sector transformador de produtos do mar de Galicia”, polo que sinalou que “temos que lograr que esa negociación se poida producir de forma equilibrada, atendendo ás sensibilidades da industria comunitaria para que non afecte ao sector en Galicia”.
“Ante todo isto, é ineludible a revisión á alza dos continxentes Erga Omnes da Unión Europea, libres de arancel, así como a eliminación de trabas que entorpecen e alongan os trámites administrativos para permitir a entrada no ámbito español e comunitario de produtos que, na maioría dos casos, son capturados pola flota galega”, sinalou Egerique.