Santiago, 22 de setembro de 2020.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno central que fixe un prezo eléctrico competitivo, que pase pola aprobación dun estatuto para os consumidores electrointensivos, incrementar as compensacións por custos indirectos de CO2 e un novo sistema de xestión de demanda que substitúa á poxa por interrompebilidade. A iniciativa incorpora, ademais, a solicitude para que o Goberno central avalíe os proxectos do plan industrial de Liberty House para as fábricas de Alcoa en San Cibrao, de xeito que poidan optar ao Fondo Europeo de Recuperación.
A viceportavoz popular, Elena Candia, lembrou que o pasado 28 de maio a empresa Alcoa anunciou un expediente de regulación de emprego para 534 traballadores das súas plantas na provincia de Lugo, como paso previo ao peche das súas factorías en Galicia, “o que nos poñía ante a ameaza real de que se puxera fin á produción de aluminio en Galicia, unha materia básica e esencial para a economía galega”.
“O mero relato dos feitos é implacable co Goberno Sánchez, primeiro, e co Goberno Sánchez-Iglesias, apoiado polo BNG, despois, posto que amosa un desleixo absoluto na solución deste problema”, lamentou Elena Candia. En concreto, relatou que o 31 de outubro de 2018, a ministra Teresa Ribera anunciou por primeira vez un estatuto electrointensivo no Congreso; o 5 de febreiro de 2019, Reyes Maroto anuncia o estatuto para dentro de 3 meses; o 11 de marzo de 2019, Pedro Sánchez afirmou nun mitin na Coruña que en nove meses o seu goberno xa garantira o futuro para Alcoa; o 26 de xuño de 2019, unha vez pasadas as eleccións xerais, Reyes Maroto afirmou que se aprobaría o estatuto en canto se configurase o Goberno; e o 20 de xaneiro de 2020, logo dunha repetición electoral e co goberno de coalición xa configurado, a ministra galega Yolanda Díaz dixo que o estatuto estaría aprobado “nuns días”.
Finalmente, o pasado mes de febreiro o Goberno de España presentaron un borrador de estatuto, que “tanto desde as administracións autonómicas, como as empresas e os comités de empresa coincidiron en que era insuficiente e non garantía a continuidade das industrias electrointensivas”. Así, recordou que Galicia, Asturias e Cantabria pactaron unhas alegacións conxuntas a este borrador de estatuto, “demostrando que este non era un tema de batalla política, senón de defensa dos intereses da industria e do emprego na Mariña lucense”.
?️@ElenaCandiaLu na súa 1ª intervención no Pleno do @Par_Gal recorda aos lucenses que están superando a COVID19,agradece a confianza no @ppdegalicia con 9 deputados para traballar por Lugo e por Galicia e comeza defendendo a continuidade dos postos de traballo en Alcoa @PPdeLugo pic.twitter.com/nmHSYSWX7L
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) September 22, 2020
Diante do anuncio de compra da factoría de Alcoa en San Cibrao por parte da empresa Liberty House, Elena Candia incidiu que “tanto o Goberno galego como o PPdeG colaboraremos e formaremos parte da solución, sempre que esta pase por un proxecto viable e de futuro que garanta o mantemento dos postos de traballo e da actividade dunha factoría esencial para o desenvolvemento económico de toda a comarca da Mariña”.