Santiago, 23 de xuño de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, sen o apoio do Grupo Socialista, a través da que se demanda ao Goberno central que respecte a autonomía fiscal e o Dereito Civil de Galicia suprimindo o artigo do proxecto de Lei antifraude que se está a tramitar nas Cortes Xerais que considera como comportamento fraudulento os pactos sucesorios en vida galegos.
?Só os tribunais convenceron a Axencia Tributaria que deixara de tratar os pactos sucesorios galegos como o que non era,a nosa sorpresa é que o Goberno presenta proxecto de lei antifraude cuxa reforma vai en contra do Dereito Civil galego e vulnera a autonomía fiscal de Galicia pic.twitter.com/TaRDqhuwEB
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) June 23, 2021
O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, lembrou que “Galicia leva exercendo o seu autogoberno durante 40 anos, nos que destacan dous ámbitos relevantes: o desenvolvemento do Dereito Civil galego, recoñecido pola Constitución Española e polo Estatuto de Autonomía reflexado na aprobación por unanimidade deste Parlamento no 2006 da Lei de Dereito Civil de Galicia; e a autonomía fiscal da Comunidade galega, como, por exemplo, a través das rebaixas no imposto de sucesións”.
NOVA TENTATIVA DO GOBERNO CENTRAL
Puy lamentou que o Goberno central, unha vez que o Tribunal Supremo botou abaixo as actuacións da Axencia Tributaria encamiñadas a facer tributar por IRPF as transmisións dos bens herdados en vida, volva agora a tratar de equiparar os pactos sucesorios con accións fraudulentas a través da incorporación dun artigo no proxecto de Lei de Medidas de prevención e loita contra a fraude fiscal para incorporar a necesidade dos herdeiros en vida de tributar polo imposto da renda como unha ganancia patrimonial”.
“Pero, adicionalmente, existe o problema da retroactividade desta norma, xa que beneficiarios de herdanzas en vida nos cinco anos anteriores á aprobación da nova Lei antifraude non van poder vendelos sen sufrir o castigo fiscal de tributar de novo polo IRPF pola ganancia patrimonial que se lles imputaría de aprobarse tal e como saíu do Senado”, apuntou Pedro Puy.
Neste sentido, referiuse á emenda do PSOE incluída no trámite do Senado a este artigo do proxecto de Lei que limita a cinco anos o efecto da retroactividade. “Supón unha mellora e danos a razón no que vimos reclamando desde o PPdeG, porque supón o recoñecemento de que se vulneraba o noso Dereito Civil. Pero, no fundamental, seguimos igual”, dixo o portavoz popular. “A realidade é que segue deturpándose o Dereito Civil de Galicia, polo que demandamos respecto ao autogoberno e a supresión do artigo do proxecto de Lei antifraude”, sinalou, ademais de demandar que, de non suprimirse este artigo, a Xunta empregue todas as ferramentas e recursos xurídicos ao seu alcance para defender a autonomía financeira, as competencias da Comunidade galega e a defensa dos intereses dos galegos e das galegas.