Santiago, 5 de maio de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España unha pronta negociación cos estados membros da Unión Europea de cara a obter da reserva de adaptación ao Brexit (BAR) un apoio para os sectores afectados, tanto directa como indirectamente, polo acordo de saída do Reino Unido en materia pesqueira, así como buscar apoios e aliados entre as rexións europeas afectadas por este acordo de cara a defensa de criterios favorables para o sector pesqueiro galego.
A portavoz do Mar do Grupo Popular, Teresa Egerique, lembrou que o Consello Europeo, a proposta da Comisión Europea, acordou o pasado mes de xullo a creación dun fondo de reserva, dotado de 5.000 millóns de euros, para axudar a contrarrestar o impacto económico e social sobre os estados membros e os sectores máis afectados pola saída británica da Unión Europea.
A Comisión Europea propón que 4.000 millóns de euros deste fondo se asignen aos estados membros en forma de prefinanciación tras a adopción da Reserva de Adaptación ao Brexit, con arranxo ao impacto estimado nas súas economías tendo en conta dous factores: o comercio co Reino Unido e o peixe capturado na zona económica exclusiva do Reino Unido. Deste xeito, a España corresponderíanlle 184,2 millóns de euros.
Os 1.000 millóns restantes distribuiranse nunha segunda fase en 2024, baseándose no gasto executado e declarado á Comisión Europea e a prefinanciación obtida na primeira fase.
“Manifestamos o noso profundo desacordo coa proposta de criterios fixada pola Comisión Europea para a repartición do fondo destinado á pesca dentro do BAR, por canto non responde para os efectos directos e indirectos do acordo pesqueiro no marco do Brexit e adoece da inclusión do impacto real e efectivo do mesmo”, sinalou Teresa Egerique.
Neste sentido, apuntou que “descoñecemos as razóns e argumentos para a fixación de criterios na proposta, así como os fundamentos para a elección dos períodos temporais para medir o impacto dos criterios elixidos”. “Galicia defende que se teña en conta o impacto indirecto que supón o acordo do Brexit, pois, ademais de cotas, tamén se perden posibilidades de realizar intercambios con elas entre distintos países, o que axudaba a facer rendibles as frotas que faenan en augas da Unión Europea”, dixo.
A deputada popular concretou que as demandas de Galicia céntranse na “ampliación a 1.000 euros, como mínimo, da cifra xeral contemplada para atender a compensación parcial do impacto do Brexit en materia pesqueira, a extensión da vixencia deste fondo de compensación ata 2026 e que se atendan perdas futuras en canto a que estas poden derivarse do comercio de bens e servizos ou do constrinximento dos termos de actividade dos buques e empresas pesqueiras nas súas operacións en augas do Reino Unido”.