Santiago, 4 de maio de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita que a Xunta impulse as actuacións necesarias para promover que a Comunidade galega presente unha candidatura para albergar a futura sede da Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial, establecendo os mecanismos que faciliten o apoio de todo o ecosistema de ciencia e tecnoloxía co obxectivo de favorecer esta candidatura.
Deste xeito, demándase ao Goberno de España que comunique canto antes os requisitos de competencia, primando a transparencia e a equidade.
A deputada popular Noelia Pérez lembrou que a Lei de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2022 autoriza ao Goberno de España a impulsar unha lei para a creación da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial, cunha asignación de 5 millóns de euros e configurada como Axencia Estatal dotada de personalidade xurídica pública, patrimonio propio, autonomía na súa xestión e con potestade administrativa.
“Esta axencia forma parte dos organismos públicos do Estado de nova creación que poden ser descentralizados ao abeiro do Real-Decreto 209/2022 que coñecemos hai un mes”, sinalou a deputada popular.
Diante desta situación, Noelia Pérez salientou que “Galicia sempre estivo á vangarda e foi pioneira no desenvolvemento e na aplicación de tecnoloxías intelixentes”. En concreto, dixo que hai un ano se materializou a aprobación da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial 2030, ao tempo que conta con grupos de investigación de referencia neste ámbito nas tres universidades públicas, cun centro de investigación especializado, con ecosistemas dixitais, está a desenvolver o Ecosistema Gobtech e atópase en fase de constitución o nodo Galicia, que concentrará a todos os axentes públicos e privados implicados e traballará no establecemento das bases dunha intelixencia artificial ética e fiable para Galicia.
“A maiores, Galicia atópase nunha situación xeográfica estratéxica, nunha eurorexión transfronteiriza, polo que consideramos que a nosa Comunidade Autónoma está ben posicionada para albergar a futura sede da Axencia de Intelixencia Artificial, que, ademais de emprego altamente cualificado, atraería máis talento, máis empresas e máis investimento”, dixo a deputada popular.