Santiago, 20 de decembro de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España que adecúe ou mesmo elimine, tendo en conta as peculiaridades laborais do sector marítimo-pesqueiro, a norma que obriga ao rexistro diario da xornada a bordo dos buques pesqueiros en base á posible inviabilidade de aplicación.
O deputado popular Alberto Pazos lembrou que o pasado mes de maio entraba en vigor o Real Decreto-Lei que obriga ao rexistro horario da xornada laboral, co obxectivo de medir a duración das xornadas laborais e, por tanto, das horas extraordinarias dos traballadores.
MOITAS DÚBIDAS
“Porén, coidamos que este sistema de control que obriga ao rexistro horario da xornada laboral xera moitas dúbidas sobre o alcance e a súa aplicación desta norma no sector marítimo-pesqueiro”, manifestou Pazos.
Neste sentido, asegurou que no sector marítimo-pesqueiro “é moi complexo de regular a nivel laboral polas súas peculiaridades, motivo polo que xa está exento de diferentes normativas e incluso conta cun réxime especial de Seguridade Social”.
“No caso do control dos horarios xa non se trata tanto de establecer os mecanismos, senón tamén de como contabilizar as horas de presenza a bordo, xa que parte destas non son de traballo efectivo”, explicou o deputado popular, polo que considerou “razoable a petición do sector de que se teña en consideración a especialidade do traballo no mar para impedir que a aplicación da normativa xeral estatal sobre control de horarios de traballo dificulte burocraticamente a actividade a bordo dos buques”.