21 de setembro de 2023. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a manter unha tramitación garantista e respectuosa co medio ambiente dos proxectos mineiros na Comunidade galega, de xeito que todas as iniciativas, especialmente as relativas a materias primas fundamentais ou minerais críticos segundo os plans e programas europeos, cumpran cos requisitos exixidos tanto na normativa estatal como na autonómica.
O portavoz popular de Industria, Moisés Rodríguez, manifestou que a Xunta “leva a cabo un seguimento ambiental das explotacións a través dun plan que comprende non só a comprobación documental, senón tamén visitas de inspección que dan como resultado informes que se remiten ao titular da explotación”. Nestes informes faise un repaso de todas as obrigas existentes e fanse observacións co fin de mellorar o estado ambiental da explotación.
AXENDA DE IMPULSO
Neste sentido, Moisés Rodríguez explicou que a Axenda de impulso da minaría sustentable, aprobada pola Xunta en 2022 en consenso co sector, “ten como obxectivos a compatibilidade co medio ambiente, o desenvolvemento do medio rural, o aproveitamento racional e eficiente dos recursos e o impulso dos minerais estratéxicos esenciais para o tecido industrial, así como a promoción do desenvolvemento económico e social”.
“O que pretendemos é consolidar o modelo de minería galega sustentable, responsable e, sobre todo, con futuro”, incidiu o portavoz popular, coa finalidade de “modernizar as principais cadeas de valor da industria galega para garantir a subministración de produtos e servizos esenciais”.
Moisés Blanco avogou por “reivindicar o valor do sector mineiro e dar visibilidade ao seu papel estratéxico na creación de emprego e riqueza en Galicia, así como para avanzar no progreso e benestar da sociedade”.