O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, co voto en contra do PSdeG, a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España que flexibilice e adapte os contratos da Lei de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria ás condicións peculiares do sector cárnico galego.
O deputado popular Juan Casares lembrou que a Lei de cadea alimentaria “foi un paso crucial cara unha cadea alimentaria máis xusta e transparente, xa que fortaleceu a posición dos operadores máis vulnerables e promoveu as relacións comerciais equitativas no sector”.
Porén, Casares manifestou que o Goberno central “pode na actualidade implementar certos cambios que flexibilicen os termos da contratación alimentaria co fin de adaptarse á realidade cotiá e ás condicións peculiares do sector cárnico galego”.
DEMANDAS CONCRETAS
En concreto, o deputado popular demandou incrementar o monto mínimo establecido para a obrigatoriedade de formalizar o contrato por escrito en todas as operacións comerciais, que agora se sitúa en 1.000 euros, algo que permitiría flexibilizar o mercado de becerros; e aumentar o período obrigatorio a cumprir para a gravación dos contratos no Rexistro dixital de contratos alimentarios, xa que moitos dos tratantes que operan neste sector teñen serias dificultades para adaptarse á novas tecnoloxías.
Juan Casares tamén propuxo reforza-la parte do Observatorio da cadea alimentaria que se dedica ao sector cárnico, dotándoo de índices de referencia de prezos e calidades aos que os axentes do sector se poidan acoller; así como incrementar os controis da Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA), para desenvolver un control exhaustivo dos prezos pagados, os tempos de cobro e os abusos de calquera natureza nas relacións comerciais.
O deputado popular cualificou de “estratéxico para a economía rural” o sector cárnico galego, xa que achega o 34,5 por cento do valor da produción final agraria e conta con máis de 40.000 explotacións e preto de 200 industrias de transformación que empregan a máis de 4.500 traballadores a tempo completo.
“Ademais, a súa importancia social e económica supera o que reflicten estas cifras, xa que o sector cárnico contribúe tanto ao mantemento da poboación rural como da superficie agraria utilizada, aspectos fundamentais para a sostibilidade tanto social como medioambiental ou económica do campo galego”, rematou Juan Casares.