9 de febreiro de 2023. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio do PSdeG, a través da que se solicita ao Ministerio de Educación e Formación Profesional que non faga discriminacións dentro do corpo do profesorado técnico de FP e elabore unha nova normativa para regular que estes mestres se integren no corpo de profesores de ensino secundario, con independencia de que teñan ou non titulo universitario.
A deputada popular Felisa Rodríguez lembrou que a Lei estatal de Formación Profesional facilita a integración como profesores de ensino secundario daqueles docentes con titulacións universitarias, pero deixa nunha situación discriminatoria a aqueles docentes de especialidades formativas en sectores singulares da FP que só contan con titulacións de técnicos superiores ou especialistas.
MÁIS DE 1.000 AFECTADOS EN GALICIA
“O corpo de profesores técnicos de FP vai desaparecer por decisión do Goberno central, nun proceso que está a crear desigualdades”, indicou a deputada popular. En concreto, dixo que “a estimación é que en Galicia hai máis de 1.000 persoas ás que o Ministerio non tivo en conta no seu pésimo desenvolvemento normativo e para as que non contempla ningunha solución”.
A maior parte das persoas que non se integran son das 10 especialidades que se integran no novo corpo de profesores especialistas en sectores singulares da FP (como cociña, carpintería, soldadura, etc), pero tamén hai persoas funcionarias de carreira que non se van a integrar por falta de titulación nas 19 especialidades que se integran en profesores de ensino secundario.
Felisa Rodríguez pediu que “o Ministerio asuma responsabilidades polos seus desacertos e, sobre todo, dea solucións aos afectados sen que a cuestión repercuta exclusivamente nas comunidades autónomas, como as administracións educativas que teñen que executar a Lei estatal de Formación Profesional e que, unha vez máis, non se lles tivo en conta”.