Santiago, 16 de outubro de 2020.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o BNG, unha proposición non de lei a través da que se solicita aos gobernos central e autonómico que inicien de inmediato un verdadeiro proceso de recuperación da produción marisqueira na ría de Ferrol, en colaboración coas confrarías da zona, os técnicos da Consellaría do Mar e a estación de bioloxía mariña da Graña, ao que se acompañarán medidas de protección económica e social das mariscadoras e mariscadores pactadas co sector.
A deputada popular Teresa Egerique sinalou que “a Consellería do Mar é perfectamente consciente das dificultades nas que se atopa o sector marisqueiro da ría de Ferrol, e por esa razón vén adoptando medidas para apoiar ás xentes desa zona”. A modo de exemplo, dixo que, cos datos pechados do exercicio 2019, o número de explotacións nesta ría era de 233, “o valor máis alto que se rexistrou desde 2010, no que se contabilizaron 123 pemex”.
IMPLANTACIÓN DE MEDIDAS
Así mesmo, Egerique indicou que a Xunta implantou medidas “moi beneficiosas para o sector, como a implantación en 2012 do sistema de bateas de reinstalación, que permitiu retomar gran parte da actividade extractiva en toda a ría durante todo o ano; ou a rede de saneamento da marxe norte da ría en 2017, contribuíndo a que se orixinasen cambios na clasificación microbiolóxica das zonas de produción e que se incrementara o valor económico en primeira venda”.
“Ademais, as mariscadoras de Ferrol recibiron 36,3 millóns de euros entre 2006 e 2011 para manter produtivos os bancos marisqueiros cualificados como C e onde non se podía extraer marisco para a súa venda directa”, apuntou a deputada popular.
No relativo á xestión de recursos, Teresa Egerique subliñou a posta en marcha do plan de rexeneración do banco das Pías, iniciado en 2018 e que suporá un investimento superior aos 750.000 euros. Este plan aborda catro frontes: control de extraccións, seguimento das poboacións, control de depredadores e asesoramento no deseño da estratexia de adaptación.