Santiago, 5 de febreiro de 2020.- O Parlamento galego aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se reclama ao Goberno de España que rectifique a decisión de deixar sen servizo de venda presencial de billetes as estacións ferroviarias de Ortigueira, Burela, Sarria, Viveiro, O Carballiño, Ribadavia, Guillarei e Redondela, tomando as medidas oportunas para garantir o mantemento deste servizo nas estacións afectadas.
O deputado popular Moisés Rodríguez considerou este asunto “sumamente importante, posto que a decisión do Goberno central de deixar sen servizo de venta de billetes suporá unha merma na calidade dos servizos que lle prestan aos cidadáns, un claro prexuízo aos veciños destes concellos e tamén un retroceso no obxectivo da vertebración territorial e da cohesión social que debería guiar a acción de toda administración pública”.
MANTEMENTO PROVISIONAL
Rodríguez lembrou que nos acordos de investidura do Goberno socialista se inclúe unha prórroga de peche do servizo nestas estacións ata o 30 de xuño “e a partir de aí os plans pasan, na maioría dos casos, por asinar convenios cos concellos para dotar de persoal de apoio e asesoramento nas estacións para a compra de billetes nas máquinas”.
“Pero, ademais, Renfe informou que hai en marcha contratos de licitación por parte do Adif para manter o servizo de venta presencial de billetes nalgunhas estacións, como Carballiño, Ribadavia, Guillarei ou Sarria, pero estamos falando de contratos con data de caducidade que non aseguran o servizo máis de un ano”, apuntou.
Deste xeito, o deputado popular lamentou que “o Goberno central non ofrece solucións definitivas, senón medidas provisionais”, polo que considerou necesario que “dea marcha atrás no desmantelamento do servizo de venta presencial que está a facer nas estacións galegas, asumindo o seu compromiso de manter a venda de billetes presenciais máis aló do 30 de xuño”.
“Se traballamos todos xuntos é posible rectificar esta política lesiva do Goberno central con Galicia en materia de servizos ferroviarios, do mesmo xeito que fixemos en 2017 para que o Adif abandonara o plan de peche de billetes presenciais nestas estacións ferroviarias”, manifestou.